Tecnópole acollerá a primeira comunidade enerxética galega

O complexo de Tecnópole, situado en San Cibrao das Viñas, é o elixido pola Xunta de Galicia para implementar un proxecto piloto da que será a primeira comunidade enerxética galega, unha medida que se enmarca na Axenda Enerxética 2030, á que o Consello do Goberno autonómico deu o visto e prace. O investimento no espazo ourensán será de dous millóns de euros, e o proxecto contempla unha potencia instalada de dous megawatts para a xeración de 2500 megawatts hora cada ano.

Desde a Consellería de Economía aseguran que a comunidade de Tecnópole atópase nunha fase de estudos previos, nos que se analizan tanto aspectos técnicos como xurídicos. Os primeiros estudos apuntan á instalación de paneis fotovoltaicos nas cubertas do propio complexo, co obxectivo de reducir o seu consumo enerxético e dotar de maior competitividade ás empresas no actual contexto de alza de custos. Estiman que se poderán beneficiar deste proxecto até 50 compañías, “cifra que se podería ir incrementando”.

As comunidades enerxéticas poden ser tanto locais como empresariais e, dentro destas últimas, a previsión da Xunta é que se poidan chegar a empregar en seis ou oito polígonos do territorio galego. A Xunta prevé que se poida pór en marcha unha liña de financiamento para a constitución destas comunidades con fondos procedentes do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).

O que xa se atopa vixente é unha liña de axudas vencelladas ao autoconsumo e almacenamento enerxético das comunidades comunidades locais, con fondos do Instituto Enerxético de Galicia. Tamén se esperan actuacións coa chegada dos Fondos Next Generation.

Fonte: La Región