Tecnópole acolle unha xornada sobre identificación de oportunidades no sector do mobiliario intelixente

A Axencia Galega de Innovación (Gain) organiza a través do CIS Madeira a xornada “Mobiliario intelixente: identificación de oportunidades”, que terá lugar o próximo 2 de xullo no salón de actos do edificio CEI de Tecnópole.
 
A xornada terá lugar en horario de mañá e a inscrición pode realizarse a través de formulario online ata o día 25 de xuño.
 
Nela exporanse distintas posibilidades tecnolóxicas e desenvolvementos específicos para o sector do moble, ao tempo que se presentarán varios casos de éxito. Está dirixida a emprendedores e responsables de dirección, produto ou innovación de empresas do sector.
 
Durante os últimos anos, a tecnoloxía incrementou o seu protagonismo na vida cotiá e introduciuse nos obxectos de uso diario, con demandas por parte dos usuarios de solucións simplificadas e integradas. Por outra parte, colectivos con necesidades especiais, como anciáns ou persoas con discapacidade, tamén requiren novos desenvolvementos. Propostas que melloren a súa autonomía ou monitoricen información son retos actuais neste ámbito. Todos estes desafíos serán abordados durante a xornada.
 
Píldoras de innovación
 
Esta iniciativa enmárcase no programa Píldoras de Innovación promovido pola Gain para promover o intercambio de coñecemento en temas demandados por cada sector para buscar solucións a retos concretos. O seu obxectivo é divulgar as novidades relevantes para a industria, presentar as capacidades dispoñibles e promover o desenvolvemento de novos proxectos de innovación.
 
Neste caso, perséguese en primeiro lugar a identificación de oportunidades para explorar novos escenarios e produtos, con especial atención á integración de tecnoloxía no mobiliario. Ademais, presentaranse novos modelos de desenvolvemento de produto, como o ecodeseño ou as técnicas de deseño centrado no usuario. Finalmente, exporanse as novas posibilidades de fabricación, tanto a nivel de materiais como de tecnoloxías dispoñibles.

(Fonte: Tecnópole e Gain)