Tecnópole acolle o acto de clausura dos eventos organizados pola Xunta durante o mes da eficiencia enerxética

O director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez, clausurará o próximo xoves 25 de marzo en Tecnópole os actos organizados pola Xunta durante todo este mes no marco dunha campaña dedicada á sensibilización sobre o aforro e a eficiencia enerxética.

Ás 11.30 horas terá lugar no edificio central da Tecnópole unha breve charla-coloquio aberta ao público sobre aforro e eficiencia enerxética na industria a cargo do director do Departamento de Enerxía e Planificación do Inega, Emérito Freire. A continuación, celebrarase o evento de clausura da campaña a cargo do director do organismo.

Os actos comezaron o pasado 5 de marzo, Día Mundial da Eficiencia Enerxética, cunha representación teatral sobre o uso racional da enerxía na que os protagonistas foron os nenos e que contou coa presenza do conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra.

A continuación, o día 8 de marzo tivo lugar unha xornada de eficiencia enerxética na rúa no Concello de Agolada (Pontevedra), con notable éxito de participación, na que os visitantes recibiron consellos de eficiencia enerxética e tiveron a oportunidade de participar en cursos de condución eficiente.

O 18 de marzo desenvolvéronse no Parque Eólico Experimental de Sotavento diversas actividades de eficiencia enerxética nas que cerca de 60 de escolares participaron en diversos talleres e visitaron a vivenda bioclimática demostrativa que Economía e Industria esta construíndo nesta localidade lucense.

Ademais, o 22 de marzo presentarase na Escola de Maxisterio da Universidade de Santiago de Compostela a exposición ‘Un Mundo de Enerxía’, que ten como fin promover un consumo enerxético eficiente e responsable entre a comunidade universitaria.

Campaña informativa

Paralelamente ao desenvolvemento destas actividades de promoción da eficiencia enerxética, o Inega está desenvolvendo neste mes a campaña informativa ‘Aseguremos o futuro. Usa a enerxía de forma eficiente’, coa que se pretende fomentar o aforro e a eficiencia.

O obxectivo que pretende alcanzar a Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, é conseguir a máxima implicación por parte dos cidadáns na tarefa de conseguir uns maiores niveis de aforro e eficiencia enerxética, así como de promover a súa concienciación respecto á necesidade de optar polo uso das enerxías renovables para conseguir un sistema enerxético galego caracterizado polo desenvolvemento sustentable e baseado na protección do medio natural.