Tecnópole acolle a VII Conferencia Internacional da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España

O Parque Tecnolóxico de Galicia –Tecnópole– é o encargado este ano de acoller a VII Conferencia Internacional da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), que terá lugar os vindeiros 5 e 6 de novembro. O encontro anual de enclaves de innovación cumpre a súa sétima edición en Galiza, coincidindo co 15 aniversario do parque anfitrión.
n
nO Auditorio de Ourense, que será unha das tres localizacións da Conferencia xunto coa Tecnópole e a vila de Allariz, foi o escenario esta mañá da presentación do evento, na que estiveron presentes o director xeral de I+D+i da Consellaría de Innovación e Industria e vicepresidente do Parque Tecnolóxico de Galicia, Salustiano Mato; o tenente alcalde do Concello de Ourense, Alexandre Sánchez Vidal; e o director xerente de Tecnópole, Ricardo Capilla.
n
nSalustiano Mato apuntou a importancia da celebración deste evento para o Parque Tecnolóxico de Galicia, que se converte así este ano no centro neurálxico da Rede de Parques Científico-Tecnolóxicos estatal, e recalcou a gran oportunidade que supón a celebración da VII Conferencia APTE para dar a coñecer ao resto do Estado a notable evolución que experimentou a Tecnópole nos últimos anos e para presentar a política en materia de parques científico-tecnolóxicos que se está a desenvolver dende o goberno galego.
n
nPola súa banda, Alexandre Sánchez agradeceu á Consellería de Innovación e Industria a elección da cidade de Ourense como sé para un congreso desas características e destacou a colaboración entre o Parque Tecnolóxico de Galicia e o goberno municipal.  “O potenciamento da Tecnópole deséñase como estratexia fundamental para o desenvolvemento da nosa cidade”, sinalou o tenente de alcalde, “xunto coa aposta polo termalismo e a posta en marcha do polígono industrial do Val da Rabeda”.  
n
nPor último, o director xerente do Parque Tecnolóxico de Galicia, Ricardo Capilla, expuxo que a Conferencia Internacional da APTE “congregará en Ourense a algúns dos talentos más innovadores da escea estatal e internacional, coa intención de, desde ópticas moi diferentes, facer fluír as ideas e o ánimo de provocar novas actitudes para innovar exprimindo ao máximo o talento”. Precisamente en consoancia con este enfoque, o lema oficial da Conferencia Internacional será ‘Innovar desde o talento’.
n
nO enclave de innovación galego acollerá nesta edición da Conferencia Internacional da APTE a máis dun cento xestores e técnicos de parques científicos e tecnolóxicos de todo o Estado español, que se trasladarán a Galiza para poñerse ao día sobre as últimas tendencias no estímulo e a xestión do talento innovador.
n
nPonentes internacionais
n
nAtendendo a unha das tendencias máis destacadas da innovación no panorama actual, a hibridación, no Parque Tecnolóxico de Galicia daranse cita talentos con procedencias moi diversas que exporán as súas experiencias e previsións de futuro. O obxectivo deste encontro é que os asistentes poidan recabar ideas de sectores diferentes ao seu que funcionen como achegas innovadoras para a súa propia xestión.
n
nAsí, estarán presentes especialistas na xestión da innovación coma Tapan Munroe, experto na economía do Silicon Valley e asesor de varios bancos do Val Central de California en temas relacionados coa planificación económica, financeira e empresarial; e Michel-Eric Dufeil, responsable de desenvolvemento rexional da Dirección Xeral de Política Rexional da Unión Europea. No ámbito concreto da xestión do talento innovador, o evento contará coa presenza do experto Santiago Álvarez de Mon, profesor titular do IESE que imparte clases e conferencias sobre liderado e goberno das organizacións en América, Europa e Asia e é autor de numerosos artigos e documentos de investigación sobre este tema.
n
nSobre as novas tecnoloxías e o futuro da Internet falarán Genís Roca, especialista na xestión do impacto que provoca nas organizacións a introdución de novas tecnoloxías e no desenvolvemento de redes sociais e a definición de modelos de presenza na rede; e Daniel Fernández Lestón, enxeñeiro galego de IBM encargado de explorar as posibilidades de negocio que ofrecen as contornas virtuais on-line como Second Life. Como representante da empresa galega innovadora, os asistentes terán a oportunidade de escoitar a experiencia da empresa Blusens de man do seu presidente executivo, José Ramón García.
n
nPara falar da xestión da innovación en sectores non directamente relacionados coas novas tecnoloxías estará, en primeiro lugar, Chema Dapena, investigador en artes plásticas con proxección internacional que ilustra á perfección o tándem arte-investigación na pintura, escultura, deseño industrial cerámica, vidro e microfusión de metais. Ademais, un grupo de expertos en gastronomía e enoloxía impartirán unha ponencia sobre a cociña e a adega como laboratorios. Trátase do cociñeiro galego Xosé Cannas, que colabora en proxectos de I+D cunha empresa de biotecnoloxía, e dos expertos en viños Xoán Cannas, José Luis Mateo e Raúl Pérez, este último unha das persoas máis influíntes no panorama vitivinícola internacional.
n
nOs asistentes terán ocasión tamén de coñecer da man de Salustiano Mato, director xeral de I+D+i e conselleiro delegado da Tecnópole, o proxecto de ampliación da Tecnópole e a iniciativa da Rede Galega de Parques Científicos e Tecnolóxicos.