Tecnópole, xefe de fila do proxecto europeo ER-INNOVA, acolle o próximo martes 9 de marzo unha xornada aberta para levar a cabo a primeira fase de captación de pemes do sector das enerxías renovables co fin de integralas nesta iniciativa, dirixida a aumentar a súa competitividade.
A xornada dará comezo ás 11 da mañá no salón de actos do Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas (Ourense), e estenderase ata as 13.30 horas. En primeiro lugar, os asistentes terán ocasión de coñecer os detalles do proxecto, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea ao amparo do Programa Operativo de Cooperación transfronteiriza España-Portugal 2007-2013. O seu marco temporal é bianual (2009-2010) e conta cun financiamento total de 931.693,68 €, dos que o 75% procede dos FEDER.
A continuación, presentarase a Rede de Transferencia e Tecnoloxía da Asociación Española de Parques Científicos e Tecnolóxicos (APTE) e os programas de apoio ás empresas do sector das enerxías renovables contemplados no Fondo Tecnolóxico, un instrumento financeiro habilitado pola Unión Europea que ten consignados máis de 400 millóns para Galicia ata o ano 2013 e do que ata agora soamente se consumiu o 5%, polo que supón unha grande oportunidade para o tecido empresarial galego.
As empresas interesadas en asistir á xornada poden confirmar a súa asistencia en sabela@tecnopole.es.
ER-INNOVA
ER-INNOVA é un proxecto europeo de innovación que se iniciou no último trimestre de 2009 co obxectivo de mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas do sector das enerxías renovables da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a través das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC).
Baixo o lema ‘A enerxía das TIC’, o proxecto estase a materializar nun programa piloto de implantación de ferramentas tecnolóxicas en aproximadamente un centenar de pemes, coa intención de estenderse a continuación a todo o sector das renovables e mesmo ser obxecto de transferencia a outros ámbitos de actividade, coas adaptacións necesarias. A captación de empresas para integrarse na iniciativa dará comezo nesta xornada organizada por Tecnópole para o día 9.
Os socios do proxecto son, ademais de Tecnópole, a Asociación de Empresas Galegas dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET); a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, a través da súa Oficina de Programas Internacionais de I+D+i (OPIDi); e NET Novas Empresas e Tecnoloxías, S.A.-Business and Innovation Centre do Porto (NET-BIC Porto).