A empresa Aerocámaras, recén instalada na Tecnópole, será a encargada de introducir aos asistentes nos coñecementos básicos necesarios para voar drons profesionais. Na parte teórica, os alumnos recibirán coñecementos xerais sobre lexislación, diferentes modelos de drons e as súas utilidades e nocións básicas de voo, entre outros temas. Posteriormente, no campo de voo, realizarán exercicios titorizados polos docentes expertos, sen que esta formación os autorice para pilotar nin para operar con drons de maneira lucrativa ou oficial.
O cupo de participantes está limitado a 25 para garantir unha formación participativa. A inscrición está aberta na web da Tecnópole ata o 9 de xaneiro.
Aerocámaras é unha empresa galega con ampla experiencia no sector como operadora de drons pioneira en España, ao ser a primeira autorizada pola AESA. Ás súas escolas de pilotos repartidas por oito provincias españolas, suma a realización de proxectos en oito países. En España, ten participado en proxectos audiovisuais de Mediaset, TVE e Atresmedia e ten impartido formación en colaboración con varias universidades, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.