O Parque Tecnolóxico de Galicia vai acoller a primeira Aula Newton permanente de España. Trátase dunha aula de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas; destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre os mozos cun enfoque totalmente práctico e moi innovador. É unha iniciativa promovida conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole.
Esta experiencia diríxese a alumnado de entre 14 e 16 anos, que terá a oportunidade de utilizar equipos de alta calidade, colaborar, debater e divertirse ao redor das denominadas materias STEM.
As Aulas Newton presentan un formato que logrou un grande éxito en Noruega da man da ONG FIRST Scandinavia. Na actualidade xa hai máis de 40 aulas permanentes en Noruega, Dinamarca e Escocia. E o concepto despregouse a escala internacional co patrocinio de Boeing, con presenza en nove países europeos.
Os centros educativos galegos poden reservar data para participar nalgunha das diferentes actividades que se van a desenvolver nos vindeiros meses no marco desta innovadora experiencia formativa. Diríxese a estudantes de 3º e 4º de ESO, con grupos de entre 18 e 36 alumnos. As actividades, que son gratuítas, levaranse a cabo os venres durante todo o curso escolar, a partir do 29 de outubro, en horario de 9.30 a 14.15 horas. Espérase que este curso pasen pola aula ao redor de 1.200 alumnos de toda Galicia.
O Parque Tecnolóxico de Galicia conta con máis de 16 anos de experiencia no desenvolvemento de actividades no ámbito da divulgación científica. Esta traxectoria está avalada polo éxito de cinco iniciativas permanentes dirixidas a xoves de toda Galicia co obxectivo principal de promover as vocacións científicas e o espírito emprendedor: Galiciencia, Aulas Tecnópole, Steam Kids Tecnópole, Ciencia e tecnoloxía en feminino e o campamento tecnolóxico de verán T2W.
Máis información: https://newtonroom.com/es/localiza-tu-aula-newton/newton-galicia
Fonte: Tecnópole