Tecnópole acolle a presentación en Ourense das axudas da UE para proxectos sobre saúde, bioeconomía e envellecemento activo

O próximo 3 de decembro Tecnópole acollerá por videoconferencia a presentación das axudas do programa Horizonte 2020 da Unión Europea para proxectos de I+D+i nos ámbitos da saúde, a bioeconomía e o envellecemento activo.

A xornada, organizada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI), celebrarase de xeito presencial en Santiago entre as 9.30 e as 13 horas.

Durante a xornada presentaranse as oportunidades de financiamento que ofrece o Horizonte 2020 en relación a dous dos retos sociais contemplados nel: por un lado, a saúde e, polo outro, a bioeconomía e o liderado en tecnoloxías facilitadoras e industriais en biotecnoloxía.

Tamén se darán a coñecer as iniciativas que se están a levar a cabo en Galicia nestes campos de coñecemento, presentes en varios dos retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3).

A xornada, que terá un carácter eminentemente práctico, estará centrada nos incentivos e os servizos de apoio que a Axencia Galega de Innovación (GAIN) pon a disposición das pemes galegas e dos axentes de innovación para a elaboración de propostas e darase resposta ás dúbidas dos asistentes.

O programa pode consultarse aquí e para participar pódese tramitar a inscrición aquí.