Tecnópole acolle a presentación en Ourense das axudas da UE para pemes na internet do futuro

O vindeiro mércores 1 de outubro Tecnópole acollerá por videoconferencia a presentación das axudas da Unión Europea para pemes no ámbito da internet do futuro. A xornada, organizada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), celebrarase de xeito presencial en Santiago entre as 9.30 e as 13 horas.

Baixo o título “FI-PPP. Oportunidades de financiamento na internet do futuro”, o obxectivo da xornada é informar sobre os requisitos e condicións destas axudas, que se están a lanzar a través de convocatorias competitivas ao longo de setembro e outubro de 2014, e presentar o servizo específico de apoio á participación no programa que ofrecerá a Axencia Galega de Innovación.
 
O programa europeo Future Internet Public Private Partnership (FI-PPP) pon a disposición das pemes e emprendedores 80 millóns de euros para o desenvolvemento de produtos e servizos innovadores empregando a tecnoloxía despregada nas anteriores fases do programa.

O acceso a este financiamento articularase a través de diferentes convocatorias xestionadas polas aceleradoras seleccionadas na etapa anterior da iniciativa, que contan con diferentes orientacións temáticas (e-health, enerxia e medio ambiente, smart cities, etc) para que os servizos de aceleración que se prestarán ás entidades seleccionadas se adapten plenamente ás necesidades de cada proxecto.

Ademais dunha axuda que oscilará entre os 50.000 e os 150.000 euros, accederase a un excelente ecosistema de innovación con servizos de soporte a nivel internacional: mentoring, networking, formación e acceso a investidores especializados, entre outros.

O programa pode consultarse aquí e para participar pódese tramitar a inscrición aquí.