Tecnópole acolle a presentación en Ourense das axudas da UE para pemes na internet do futuro

Este mércores 1 de outubro Tecnópole acollerá por videoconferencia a presentación das axudas da Unión Europea para pemes no ámbito da internet do futuro. A xornada, organizada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), celebrarase de xeito presencial en Santiago entre as 9.30 e as 13 horas.

Baixo o título “FI-PPP. Oportunidades de financiamento na internet do futuro”, o obxectivo da xornada é informar sobre os requisitos e condicións destas axudas, que se están a lanzar a través de convocatorias competitivas ao longo de setembro e outubro de 2014, e presentar o servizo específico de apoio á participación no programa que ofrecerá a Axencia Galega de Innovación.

O programa europeo Future Internet Public Private Partnership (FI-PPP) pon a disposición das pemes e emprendedores 80 millóns de euros para o desenvolvemento de produtos e servizos innovadores empregando a tecnoloxía despregada nas anteriores fases do programa.

O acceso a este financiamento articularase a través de diferentes convocatorias xestionadas polas aceleradoras seleccionadas na etapa anterior da iniciativa, que contan con diferentes orientacións temáticas (e-health, enerxía e medio ambiente, smart cities, etc.) para que os servizos de aceleración que se prestarán a entidades seleccionadas se adapten plenamente ás necesidades de cada proxecto.

Ademais dunha axuda que oscilará entre os 50.000 e os 150.000 euros, accederase a un excelente ecosistema de innovación con servizos de soporte a nivel internacional: mentoring, networking, formación e acceso a investidores especializados, entre outros.

O programa pode consultarse aquí e para participar pódese tramitar a inscrición aquí.

(Fonte: Gain)