Tecnópole acolle a presentación en Ourense das axudas da UE para pemes dos ámbitos enerxético e medioambiental

O vindeiro mércores 5 de marzo Tecnópole acollerá por videoconferencia a presentación das axudas da Unión Europea para pemes dos ámbitos enerxético e medioambiental. A xornada, organizada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) en colaboración co Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI), celebrarase de xeito presencial en Santiago entre as 10 e as 12.30 horas.

Baixo o título “EEA Grants – Financiamento de proxectos empresariais de I+D aplicada: Enerxías renovables, eficiencia enerxética, medio ambiente e tecnoloxías de cambio climático”, o obxectivo da xornada é dar a coñecer a convocatoria para proxectos de I+D cofinanciados polo Mecanismo Financeiro do Espazo Económico Europeo (EEA Grants).

Este instrumento financia proxectos empresariais de carácter aplicado para a creación e mellora significativa dun proceso produtivo, produto ou servizo no ámbito das enerxías renovables, a eficiencia enerxética, o cambio climático e as tecnoloxías medioambientais. A suma da convocatoria para España neste ano 2014 ascende a 32,4 millóns de euros.

A xornada terá un carácter eminentemente práctico. O programa pode consultarse aquí e para participar pódese tramitar a inscrición aquí.