Tecnópole acolle a presentación dos novos instrumentos de apoio financeiro da Axencia Galega de Innovación e o CDTI

Tecnópole acolleu o 1 de xuño a presentación dos últimos instrumentos de apoio e financiamento que ofrecen ás empresas a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), en especial o programa FEDER-Innterconecta, cuxo prazo de recepción de solicitudes está aberto.

O director xerente de Tecnópole, Ricardo Capilla, abriu a xornada. A continuación, Raúl García Esparza, da Dirección de Promoción e Coordinación do CDTI, expuxo os instrumentos de apoio á I+D+I empresarial ofertados por este organismo, en especial o programa FEDER-Innterconecta, con 50 millóns de euros para proxectos de innovación interrexionais e aberto a propostas ata o 20 de xuño. Os asistentes puideron coñecer tamén de primeira man a experiencia de empresas participantes en anteriores edicións do programa.

O persoal de GAIN explicou o novo programa Principia, co que a Xunta destina 3 millóns de euros para favorecer a contratación de 300 profesionais en actividades de I+D+I en empresas galegas, a través de axudas de 10.000 euros para contratos durante un período mínimo de un ano.

Os participantes tiveron ocasión de manter reunións con técnicos do CDTI e de GAIN para revisar as súas propostas e resolver dúbidas.

(Fonte: Tecnópole)