Tecnópole acolle a presentación do proxecto Go RESFO, destinado a impulsar o valor da resina natural que se extrae dos montes galegos

O Parque Tecnolóxico de Galicia acolleu esta mañá a presentación dun proxecto destinado a potenciar a industria resineira galega e mellorar a competitividade do sector. Vaino desenvolver o Grupo Operativo RESFO (Resina, Fortalezas e Oportunidades de Mercado), que recibiu apoio na última convocatoria de Axudas para a Execución de Proxectos Innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea de Innovación, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) dentro do Plan Estratéxico da Política Agraria Común.

A finalidade deste proxecto é aumentar a rendibilidade dos montes galegos a través da mellora do aproveitamento resineiro, optimizando o proceso de destilación da resina en envase pechado, posicionando ademais a resina natural de Galicia como un produto de alta calidade.

O proxecto está coordinado pola empresa coruñesa Foresin, dedicada á consultoría e enxeñaría medioambiental, especializada en xestión forestal e no aproveitamento resineiro. Participan ademais o Grupo para a Análise Empresarial da Universidade de Vigo; a empresa Xagoaza Pinaster (O Barco de Valdeorras), industria que transforma resinas naturais procedentes de bosques xestionados de maneira sostible; Glecex, firma biotecnolóxica especializada en extractos naturais para sectores como a alimentación, nutracéutica e cosmética, con sede en Tecnópole; e a Fundación Cetemas, centro tecnolóxico e forestal da madeira de Asturias. Cóntase ademais coa colaboración de Enyiris Design Thinking Lab, dedicada ao deseño e a programación, situada en Tecnópole.

Apóstase pola obtención da resina en envase pechado

O equipo vaise centrar na optimización do proceso de destilación da resina en envase pechado, co fin de lograr un maior rendemento e calidade no produto final. Por outro lado, determinarán a calidade da resina natural galega, para o que levarán a cabo unha caracterización exhaustiva da mesma, identificando os atributos que lle confiren un valor diferencial no mercado global. Ademais, o proxecto inclúe o deseño de estratexias de promoción específicas para dar a coñecer as vantaxes da resina que se obtén na nosa comunidade, fomentando a súa demanda tanto no eido nacional como no internacional.

Novos produtos derivados da resina, 100% naturais

O proxecto contempla así mesmo o desenvolvemento de novos produtos derivados da resina, que permitan reemprazar os derivados do petróleo en diversos sectores industriais. Así, preténdese valorizar a trementina da resina no sector dos pesticidas ou como ingrediente base de aromatizantes en cosmética, substituíndo compostos principais de orixe sintética e ofrecendo un produto 100% bio.

O proxecto, que acaba de poñerse en marcha, terá unha duración de dous anos. Busca impulsar a industria resineira galega, destacando as súas vantaxes competitivas e contribuíndo ao desenvolvemento sostible dos nosos montes.