Tecnópole acolle a presentación das axudas á I+D+i empresarial da Consellaría de Innovación e Industria

Todos os empresarios galegos que desexen presentar solicitudes de axuda aos programas de apoio á I+D+i empresarial do Plan INCITE, impulsado pola Consellería de Innovación e Industria, terán ocasión de coñecer en profundidade as liñas de subvención habilitadas para este ano e de solventar as súas dúbidas na xornada que terá lugar o vindeiro mércores día 16, en horario de mañá, na Tecnópole.

A sesión informativa está organizada polo centro tecnolóxico AIMEN, en colaboración coa Oficina de Financiamento de Proxectos do Parque Tecnolóxico de Galicia, no marco do seu Plan de Promoción e Transferencia Tecnolóxica. O prazo de inscrición para asistir, de forma gratuita, remata mañá martes 15 de abril.

Esta xornada está dirixida a empresarios, técnicos e persoal de centros tecnolóxicos interesados nas posibilidades de financiamento dos seus proxectos de I+D, concretamente en relación aos Programas Sectoriais de Investigación Aplicada (PEME I+D e I+D SUMA) e aos Programas de Innovación Empresarial, que teñen aberto actualmente o prazo de solicitudes e que serán expostos por unha técnica de xestión do INCITE e por un xefe de servizo do SEGAPI (Servizo Galego de Propiedade Industrial e Vixilancia Tecnolóxica).

Máis de 60 millóns

En total, os programas que se difundirán na xornada están dotados con máis de 60 millóns de euros, dos que máis da metade lle corresponden aos Programas Sectoriais, destinados a apoiar a investigación aplicada e o desenvolvemento precompetitivo nas tecnoloxías sectoriais, dinamizar o proceso innovador de I+D+I nas PEMES e impulsar os proxectos de máis impacto desenvolvidos por diversos axentes do sistema, nos que se prima a estratexia articuladora e o compromiso investigador.

As subvencións para o Fomento da Innovación Empresarial, dotadas con 23 millóns de euros, tratarán de incrementar a competitividade das empresas mediante o estímulo da innovación nas organizacións en calquera punto da cadea de valor e en todos os procesos da empresa.

Outras das axudas que serán explicadas son as relativas ao Fomento da Propiedade Industrial, destinadas a fomentar a protección das invencións, deseños industriais e marcas de empresas, institucións sen fin de lucro e persoas físicas, cun orzamento de 825.000 euros.
 
Como novidade, este ano a Consellería de Innovación e Industria convoca as subvencións para o Fomento do uso das deducións fiscais para actividades de I+D+i, cun orzamento de 600.000 euros, para proxectos destinados a adquirir a sistemática de uso das deducións fiscais ou para gastos derivados da solicitude de acordos previos de valoración dos gastos e investimentos correspondentes a proxectos de I+D+I ante a Administración Tributaria, entre outros.