Tecnópole acolle a IV Lonxa de financiamento para proxectos biotecnolóxicos

Parque Tecnolóxico de Galicia acollerá o próximo 10 de xullo a IV Lonxa de financiamento para proxectos biotecnolóxicos, promovida e financiada pola Axencia Galega de Innovación (Gain) e organizada polo Cluster Galego Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), coa colaboración de Tecnópole. O IV Bio Investor Day, aberto a promotores de proxectos no ámbito da biotecnoloxía interesados en conseguir financiamento, incorpora nesta edición un programa de formación e aprendizaxe.

A Bio Investor Academy é a gran novidade da cita deste verán. Trátase dunha iniciativa de formación e mentorizaxe previo á Lonxa que lles permitirá aos emprendedores e ás empresas máis innovadoras do sector biotecnolóxico galego analizar, completar e mellorar o seu plan de negocio coa axuda de expertos. Isto facilitaralles o acceso á captación de financiamento, fudamentalmente do sector privado, mediante a presentación do seu proxecto ante un conxunto de investidores baixo o esquema networking.

A formación e a mentorizaxe dos proxectos seleccionados estenderase ata o 26 de xuño mediante un programa de 27 horas. O equipo docente da Bio Investor Academy está liderado por Eladio Crego, consultor senior independente en EFT Consultoría. Participan tamén Jesús Díaz, consultor senior en Estratego Consultoría Global e Judith Saladrigas, asociada senior responsable de Innovación en Rosaud Costas Duran.

O programa está dispoñible aquí.

(Fonte: Bioga)