A 6ª edición do Coworking Igape-EOI, lanzado pola Xunta e a Escola de Organización Industrial, dá apoio a 220 proxectos emprendedores, principalmente do ámbito rural galego. Un total de 32 emprendedores xa puideron amosar 30 novos proxectos empresariais tras recibir 60 horas de formación e 40 horas de mentorización individual durante o desenvolvemento do programa.
Os demodays, as xornadas de exhibición dos proxectos participantes, xa comezaron no coworking do Parque Tecnolóxico de Galicia. Amosáronse os resultados de 10 proxectos da man de 11 emprendedores: 6 mulleres e 5 homes. Entre os sectores dos proxectos que participaron nesta aceleradora ourensá destacan a viticultura, o medioambiente, o turismo, a consultoría de formación, o sector financeiro ou a arte dixital, entre outros. Así, con estas iniciativas, espérase xerar 16 novos postos de emprego na zona.
Ao acto de Tecnópole acudiron Fany Suárez, subdirectora da Oficina Galicia Emprende de Igape e Javier Benito, director de Desenvolvemento de Peme de EOI.
Espazos Coworking de Galicia
Estes espazos están pensados para desenvolver proxectos empresariais e aumentar a probabilidade de éxito das ideas impulsadas en territorios nos que adoita ser difícil atopar este tipo de servizos. Durante o programa, cada proxecto de negocio dispón de 40 horas de titorías individualizadas e máis de 12 talleres específicos de emprendemento en cada un dos Espazos Coworking. Os emprendedores reciben titorías enfocadas ao desenvolvemento de cada unha das súas propostas, da man de máis de 50 profesores especialistas, teñen a oportunidade de amosar os seus produtos nos demodays celebrados en cada unha das localidades onde se desenvolven. Todo iso de forma totalmente gratuíta grazas ao cofinanciamento da Xunta e do Fondo Social Europeo.
Fonte: EOI