O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- acolle desde finais de outubro a primeira Aula Newton de España con carácter permanente. Trátase dunha aula de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas; destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre os mozos cun enfoque totalmente práctico e moi innovador. É unha iniciativa impulsada conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole.
A Aula arrincaba a finais de outubro coa experiencia “Voamos con números: unha aventura aérea”, cuxas prazas se cubriron ás poucas horas do seu lanzamento ata finais de xaneiro. Agora ábrese de novo o prazo para os meses de febreiro ata mediados de xuño, o que supón un total de 18 sesións máis.
Neste módulo, os estudantes reciben unha misión do Centro de Coordinación de Salvamento Conxunto. Deberán asistir na observación de diversas localizacións na rexión de Bodø (Noruega) para axudar a establecer as prioridades das misións de rescate. O alumnado planificará os seus propios voos, prepararanse para iso realizando cálculos matemáticos con unidades, distancia, velocidade e tempo, determinando o rumbo correcto, e chegarán a dominar a navegación. Traballarán en parellas ou tripulacións, e deberán cumprir a súa misión realizando un voo nos simuladores de voo avanzados de que dispón a aula. Instrutores cualificados ofrécenlles asistencia e orientación durante a formación de voo e o desenvolvemento da misión.
Os centros educativos de toda Galicia poden inscribirse nesta actividade da Aula Newton Galicia a través da páxina web https://newtonroom.com/es/localiza-tu-aula-newton/newton-galicia/calendar. Esta innovadora experiencia formativa diríxese a estudantes de 3º e 4º de ESO (14-16 anos), con grupos de entre 18 e 36 alumnos. As actividades, que son gratuítas, lévanse a cabo os venres, en horario de 10:00 a 14:30 horas. Agárdase que este curso pasen pola aula ao redor de 1200 alumnos de toda a comunidade galega.
Máis información: https://newtonroom.com/es/localiza-tu-aula-newton/newton-galicia
Fonte: Tecnópole