n
n
Tecnópole-Parque Tecnolóxico de Galicia inaugurou hoxe o seu novo espazo de coworking, o primeiro destas características que se pon en marcha na provincia de Ourense e un dos primeiros en Galicia. A sala, que inicialmente conta con seis postos de traballo, está dotada con servizos especialmente orientados á actividade dos profesionais autónomos, que poden acceder a ela de maneira totalmente flexible: dende un día –cun custo de 12 euros– ata varios meses –por 100 euros mensuais–.
n
n
n
n
n
n
A apertura desta nova sala responde á vontade da Tecnópole de ofertar espazo e servizos de alto valor engadido a todo tipo de profesionais. Logo dos seus vinte anos de traxectoria poñendo parcelas ao dispor de pemes e niños dirixidos a emprendedores, a entidade busca cubrir as necesidades do colectivo dos traballadores autónomos que non teñen a esixencia de espazo individual e con interese por interactuar con outros profesionais.
n
n
A proximidade con máis de 80 empresas dentro do mesmo recinto e coas dos tres polígonos industriais anexos, á que se suma a posibilidade de acceder a niños nas tres incubadoras do Parque Tecnolóxico no caso de precisar espazo individualizado nun futuro, son algúns dos valores engadidos que presenta a opción de coworking na Tecnópole. O establecemento de sinerxias cos outros profesionais que comparten o espazo e a cercanía de tantos clientes e colaboradores potenciais supoñen vantaxes competitivas para os futuros ocupantes deste espazo.
n
n
A nova sala de coworking, un espazo de 60 metros cadrados situado no edificio intelixente Tecnópole I, está pensada para que os profesionais independentes da área de Ourense a poidan utilizar como oficina habitual e os do resto de Galicia como enclave ocasional nos seus desprazamentos á provincia, de aí que o período de permanencia sexa totalmente flexible. Os seus ocupantes terán acceso a todos os servizos dunha oficina en réxime de aluguer (incluíndo internet wifi, salas de reunións, aparcadoiro, limpeza, seguridade, control de accesos e recepción), con posibilidade de utilización os 365 días do ano.
n
n
Os espazos de coworking representan un modelo de traballo novo no que os profesionais non só comparten unha situación física, senón o interese pola colaboración con outros nunha contorna aberta e multidisciplinar na que se poidan compartir ideas e proxectos. Este concepto orixinouse nos Estados Unidos, de onde foi importada polas grandes cidades europeas cunha rápida extensión a núcleos de poboación cada vez máis pequenos.
n
n
Os servizos de alto valor engadido ofertados pola Tecnópole, entre os que figuran o fomento da innovación aberta e das dinámicas de coñecemento compartido, concordan moi estreitamente con esta filosofía.
n
n
Conferencia sobre coaching
n
n
Con motivo da posta en marcha do espazo de coworking, a Tecnópole organizou unha conferencia sobre coaching para o emprendemento e a innovación á que asistiron máis de medio cento de profesionais de diferentes ámbitos.
n
n
Durante a conferencia, o experto de Thinkin' Coaching Alberto Rodríguez explicou o funcionamento do coaching como proceso creativo útil para o desenvolvemento das competencias persoais e profesionais, con especial atención á súa capacidade para potenciar as aptitudes e habilidades relacionadas co emprendemento e a innovación.
n
n
Na conferencia participaron directivos, emprendedores e persoas que se están a expor ao inicio dun novo proxecto empresarial ou desexan establecer novos plans de negocio nas súas organizacións.
n
n
20 aniversario
n
n
A posta en marcha da sala de coworking de Tecnópole, así como esta conferencia sobre coaching especializado nos ámbitos do emprendimiento e a innovación, tiveron lugar no marco da celebración do 20 aniversario da entidade.
n
n
n
n