O campamento terá lugar entre o 30 de xuño e o 11 de xullo e estará dirixido a 40 rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos. A actividade conta de novo co patrocinio da operadora de cable galega R.
Todos os participantes traballarán no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos con diferentes graos de complexidade en función das súas idades. Para facelo posible, a formación incluirá nocións sobre o deseño de aplicacións móbiles e videoxogos, edición fotográfica e de vídeo, creatividade, biotecnoloxía, etc. Os mellores de cada categoría terán asegurada a súa participación na próxima Galiciencia, no mes de novembro.
Aínda que a inscrición está aberta a estudantes de toda Galicia sen restricións, a proximidade xeográfica recomenda a actividade para persoas que residen ou mesmo que pasan o verán na provincia de Ourense.
As actividades do campamento están deseñadas en función das idades dos participantes. En calquera caso, os obxectivos que se perseguen son comúns e consisten no desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora e na dinamización da axilidade mental e da creatividade. Ademais de procurar que os alumnos e alumnas adquiran novos coñecementos tecnolóxicos, preténdese potenciar neles actitudes como o respecto mutuo, a colaboración e a socialización, xunto con habilidades relacionadas con falar ben en público, etc.
Este ano intensificarase a práctica do inglés, coa presenza dun profesor nativo que acompañará aos alumnos e alumnas todos os días durante as comidas e en varios talleres e actividades.
Os monitores e profesores son expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e no resto das materias que se van desenvolver na academia, aplicando unha metodoloxía dinámica, participativa, flexible, integradora e adaptada a cada tipo de idade.
Espírito de equipo
Todas as actividades se desenvolverán en equipo, mediante a formación de grupos de rapaces da mesma idade, aos que se estimulará para conseguir a organización interna que lles permita desenvolver habilidades sociais a través da discusión dos proxectos, fomentando ao mesmo tempo o respecto entre os compañeiros e o traballo en equipo.
Dado que se trata dunha actividade integrada no tempo de vacacións dos participantes, tratarase de fomentar a aprendizaxe a través do xogo, potenciando a creatividade e baseándose nas emocións e experiencias persoais. Así, durante o campamento os participantes practicarán actividades deportivas en equipo ao aire libre, como a natación, o tenis ou o atletismo.
As aptitudes comunicativas e a expresión corporal terán un oco importante na axenda de todos os grupos de idade, con talleres para falar en público e sesións de debate. Ademais, recibirán educación ambiental e aprenderán hábitos de alimentación saudables mediante a preparación de comidas sinxelas con produtos da horta ecolóxica.
O custo por participante será de 240 euros con todo incluído, dende o transporte dende varios puntos da cidade de Ourense ata a comida e todas as actividades.
Máis información e inscricións no campamento.
(Fonte: Tecnópole)