Tecnópole abre o período de recepción de proxectos para a Galiciencia 2014 ata o 26 de outubro

Tecnópole acaba de abrir o prazo de recepción de proxectos para a ‘Galiciencia 2014’ ata o próximo 26 de outubro. Os equipos de estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP aspirantes a expoñer na maior feira científica que se celebra anualmente en Galicia poderán facer chegar as súas propostas innovadoras ata esa data para competir no proceso que levará á selección dos 50 participantes definitivos.

O evento, que chega á súa novena edición, terá lugar entre o 19 e o 21 de novembro nas instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas. A súa celebración é posible grazas ao apoio da Consellería de Economía e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación, e vén contando tamén coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).

Este ano, como novidade, haberá unha sección especial fóra de competición para proxectos elaborados por alumnos de Primaria. Trátase dun proxecto piloto que permitirá que os máis pequenos comecen a experimentar coa investigación e a innovación tecnolóxica e que suporá a instalación dun espazo especificamente reservado para eles.

Ademais, este ano serán os rapaces e rapazas os que deseñen a imaxe da camiseta oficial da feira, que será utilizada por todos os participantes durante a súa celebración. O prazo para enviar propostas é ata o 15 de outubro.

Máis nivel ano a ano

As bases de participación na ‘Galiciencia 2014’ están dispoñibles na web de Tecnópole (www.tecnopole.es). O requisito fundamental é formar un equipo no que participen varios alumnos e un profesor e contar a idea en tres folios, xa sexan proxectos experimentais e tecnolóxicos ou traballos documentais. O comezo do curso escolar supón o inicio da preparación dos proxectos para os equipos. O incremento continuado de proxectos presentados ao longo dos anos obrigou nas últimas edicións a incluír un proceso previo de selección que se repetirá este ano e que garante a exposición dos mellores traballos, tendo en conta que a súa calidade medra ano a ano dende o principio.

Á parte de facilitar o desprazamento mediante autobuses procedentes de toda Galicia e a estancia dos estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP en Ourense e de montar a infraestrutura da feira, Tecnópole organiza actividades paralelas para o público e para os propios participantes. Este ano haberá, entre outros, varios talleres relacionados coa celebración do Ano Internacional da Agricultura Familiar e do Ano Internacional da Cristalografía.

Logo do éxito colleitado na edición anterior polo concurso de fotografía para alumnos e profesores e polo proxecto colectivo de vídeo que deu como resultado a reportaxe audiovisual oficial do evento, estas actividades volverán formar parte da programación da Galiciencia.

O obxectivo principal da Galiciencia é servir de punto de encontro para rapaces e rapazas da ESO, de Bacharelato e de FP, aos que este ano se suman os de Primaria, con ideas innovadoras e con ganas de mostralas ao público nos stands que Parque Tecnolóxico de Galicia pon á súa disposición durante tres días en réxime de portas abertas.