n
Tecnópole abre o prazo de recepción de proxectos para a ‘Galiciencia 2011’ ata o 23 de outubro. Os equipos de estudantes de Secundaria aspirantes a expoñer na maior feira científica que se celebra anualmente en Galicia, poderán facer chegar as súas propostas innovadoras ata esa data para competir no proceso que levará á selección dos 50 participantes definitivos.
n
n
O evento, que este ano chega á súa sexta edición, terá lugar entre o 23 e o 25 de novembro nas instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas.
n
n
As bases de participación na ‘Galiciencia 2011’ están dispoñibles na web de Tecnópole. O requisito fundamental é formar un equipo no que participen varios alumnos e un profesor e contar a idea en tres folios, xa sexan proxectos experimentais e tecnolóxicos ou traballos documentais. O comezo do curso escolar supón o inicio da preparación dos proxectos para os equipos, algúns dos cales xa se puxeron en contacto coa Tecnópole no mes de xuño para manifestar o seu interese en participar. O incremento continuado de proxectos presentados ao longo dos anos obrigou na edición pasada a incluír un proceso previo de selección que se repetirá este ano, no que está previsto superar as 85 propostas rexistradas en 2010.
n
n
Á parte de facilitar o desprazamento e a estancia dos estudantes en Ourense e montar a infraestrutura da feira, Tecnópole organiza actividades paralelas para o público e para os propios participantes. Este ano haberá obradoiros relacionados coa celebración do Ano Internacional da Química e do Ano Internacional dos Bosques.
n
n
O obxectivo principal desta iniciativa, que Tecnópole organiza co patrocinio da Dirección Xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria, é servir de punto de encontro para rapaces e rapazas da ESO, de Bacharelato e de FP con ideas innovadoras e con ganas de mostralas ao público nos stands que Parque Tecnolóxico de Galicia pon á súa disposición durante tres días en réxime de portas abertas.
n
n
n