Tecnópole abre a inscrición nos seus talleres de robótica para estudantes de 9 a 13 anos

A causa do éxito de inscrición na terceira edición do campamento tecnolóxico de verán da Tecnópole (T2W), que esgotou as prazas dispoñibles en moi pouco tempo, ponse en marcha un programa de talleres de robótica que comeza neste mes de xuño.

Co obxectivo de que ningún rapaz ou rapaza dos que quedaron fóra da inscrición no T2W pasen o verán sin a súa ración de robótica, Tecnópole celebrará entre os días 22 e 26 de xuño un taller dirixido a estudantes de 9 a 13 anos de idade en horario de 10:00 a 14:00 horas.

A través de experiencias didácticas divertidas, os participantes achegaranse á tecnoloxía a través de nocións prácticas de construción e programación de robots.

Para garantir a atención persoalizada aos asistentes por parte dos formadores, o taller terá un aforo máximo de 20 participantes. O custo será de 121 euros por alumno/a e a inscrición pode formalizarse aquí ata o 12 de xuño.