É un dos corazóns innovadores galegos, pero non só é iso. Xa son 25 anos dende que o Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, se situou en San Cibrao das Viñas, a 12 km. de Ourense, para proporcionar un espazo de crecemento e desenvolvemento ás empresas de toda Galicia. Dende aqueles inicios pasaron moitas cousas e en todas elas a innovación quedou remarcada como bastión de mando, como destaca Innovaspain no seu especial sobre Galicia.
Así o destaca a directora financeira de Tecnópole, Luisa Pena, recordando que, dende a súa inauguración o 10 de outubro de 1992, case 300 empresas pasaron polo lugar “cun alto índice de consolidación”. “En Tecnópole creouse a primeira incubadora galega de empresas, o primeiro espazo de coworking da provincia, o primeiro laboratorio de biotecnoloxía na modalidade de aluguer todo incluído e puxeron en marcha infraestruturas como o centro experimental de enerxías renovables ou o centro de tecnoloxías médicas avanzadas”, sinala Pena, reiterando que o fin último é “favorecer a creación de novos proxectos empresariais ou facilitar a formación e a práctica de profesionais”.
Non importa o sector, dá igual a actividade. Tal como apunta a directora financeira do Parque Tecnolóxico de Galicia, este “é un parque multisectorial”. Se ben é certo que “se prima a entrada de empresas de base tecnolóxica e con perfil innovador”, Pena subliña que “a innovación non é exclusiva de ningún tipo de actividade”, senón que “debe estar presente en todas as empresas”. Por iso dispoñen de compañías na área de consultoría, a formación e a divulgación científica, entre outras.
Para ela todas as compañías que pasaron polo lugar son “casos de éxito”. Nese termo entra en xogo o impulso da innovación como fortaleza. Por iso, dende Tecnópole prestan servizos para consolidar o crecemento destas mediante a prestación de servizos, a organización de actividades e a posta a disposición de infraestruturas científico-tecnolóxicas.
Nese sentido, o Parque Tecnolóxico de Galicia, remarca Pena, “centra o seu esforzo en difundir as aplicacións da industria 4.0, a compra pública innovadora, as oportunidades de participación en H2020 e en dar a coñecer os plans que a Xunta pon en marcha para favorecer a innovación nas empresas”. En definitiva, un conxunto de impulsos que poidan upar o seu desenvolvemento. E non só iso.
“En moitas ocasións, Tecnópole toma a iniciativa para dar a coñecer novas tecnoloxías ou testar innovacións que empezan a xurdir no mercado coa intención de potencialas e presentalas ao mundo empresarial ou á sociedade en xeral”, apunta Pena, que recorda o caso, hai xa case 20 anos, “da creación da primeira tenda virtual de produtos galegos”; así como hai dez “a posta en marcha dun programa de aforro enerxético mediante un sistema de iluminación pública intelixente”; e mesmo o máis recente desenvolvemento do Centro de Tecnoloxías Médicas de Vangarda.
Actualmente, coa entrada na rede Enterprise Europe Network (EEN), dende este centro innovador no núcleo de Ourense puxeron o foco na internacionalización empresarial. O motivo vén dos “estreitos vínculos que existen entre os procesos de innovación e a vertente internacional dos negocios”. A ninguén lle cabe dúbida, remarca Pena, da “potencia como fonte de competitividade no ámbito da empresa do binomio innovación-internacionalización”. É por iso que o Parque Tecnolóxico de Galicia se incorporou a esta rede “co fin de apoiar as empresas no proceso de internacionalización e na busca de novos mercados”.
Servizos avanzados para empresas
“Os servizos que ofrecemos ás empresas orientadas á mellora da súa competitividade e crecemento sumaron este ano a súa asistencia nos procesos de internacionalización”, afirma Pena, engadindo que a súa inclusión na rede EEN favoreceu a súa expansión no mercado internacional.
“Dado que, afortunadamente, Tecnópole acolle empresas cunha probada capacidade de competir nos mercados internacionais, con este novo servizo as empresas usuarias poden atopar asesoramento integral para expandir o seu mercado fóra do seu país de orixe e obter respostas sobre lexislación, fiscalidade, instrumentos de axuda, etc. no ámbito comunitario -explica-. Ademais de promover a súa cooperación a través de encontros business to business entre pemes e a xestión de ofertas e demandas de colaboración”.
Porque no Parque Tecnolóxico de Galicia non fai falta ser un gran conglomerado empresarial para ter un oco. Entre o máis dun centenar de compañías que se atopan situadas neste espazo de San Cibrao das Viñas conviven pemes, emprendedores e centros de coñecemento. Todos teñen o seu espazo á medida e con multitude de servizos que lles permiten impulsar as súas relacións laborais.
Ademais das citadas, Tecnópole encárgase de proporcionar prestacións que cobren dende a seguridade e telecomunicacións ao acceso a instalacións científico-tecnolóxicas. Tamén ofertan aos seus clientes participacións en proxectos que lles permitan ensanchar as súas oportunidades empresariais, e para os emprendedores radicados no lugar un acceso directo a un mercado potencial.
Para todo iso conta cun recinto de máis de 500.000 m2 divididos en diferentes edificios e parcelas para as que hai destinado un presuposto anual de conservación que rolda os dous millóns de euros. “Un 30% dos ingresos é por facturación a empresas clientes e o resto finánciase con partidas recibidas nos presupostos da Xunta de Galicia e outras axudas públicas para proxectos concretos”, puntualiza a súa directora financeira, quen remarca as posibilidades que oferta o parque.
Referente en divulgación
“Nos últimos anos, a actividade de Tecnópole traspasou os límites do seu recinto coa realización de espectáculos de ciencia polas catro provincias galegas, os cursos para profesores e a organización da maior feira de ciencia de Galicia, Galiciencia, que este ano acolleu proxectos de Cataluña, Andalucía, País Vasco e Asturias”. Neste punto, a colaboración en proxectos educativos é vital, co foco na asociación con universidades galegas e internacionais para que os seus alumnos realicen prácticas no lugar ou actividades como as Aulas Tecnópole que achegan aos máis pequenos o mundo da ciencia.
“As Aulas Tecnópole son talleres extraescolares dedicados ao adestramento dos estudantes (entre 12 e 18 anos) en habilidades innovadoras para desenvolver ideas e deseñar proxectos directamente aplicables a actividades produtivas, comerciais, de negocio ou servizos”, explica Pena. Dende 2010 xa pasaron por elas 570 mozos. A estes hai que sumar os 59 que durante os tres últimos anos acudiron ás Aulas Tecnópole Robótica, uns talleres extraescolares sobre programación e robótica para os máis pequenos (entre 8 e 11 anos); así como ao Campamento Tecnolóxico que dende o ano 2013 acolleu durante o mes de xullo a 160 nenos de entre 12 a 18 anos.
“O obxectivo principal das Aulas é espertar entre os máis novos a curiosidade e o interese pola ciencia”, confesa Pena, co obxectivo de que “nun futuro se poidan orientar a carreiras científicas, fomentando ademais actitudes e aptitudes de emprendemento innovador para incrementar o espírito emprendedor”. É dicir, estender o espírito que en Tecnópole se traslada ao mundo dende Galicia.
(Fonte: Innovaspain)