O 10 de outubro de 1992 tivo lugar a inauguración oficial do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) en San Cibrao das Viñas. A súa actividade comezou en marzo de 1993 grazas ao impulso da Xunta de Galicia e ao apoio, entre outros, das tres universidades galegas, da Deputación de Ourense e dos concellos de Ourense e San Cibrao das Viñas. A aposta de crear en Ourense un parque tecnolóxico era nova e diferencial para a época. Naquel momento só había 9 proxectos similares en España, mentres que na actualidade funcionan máis de 60.
Hoxe, tres décadas despois, o Parque alberga máis dun centenar de empresas, na súa maioría de base tecnolóxica e elevado perfil innovador, sumando un total de 1.500 profesionais. O parque ten unha superficie de 594.000 m2, dos cales 2.000 están destinados á incubación de empresas, e conta entre as súas instalacións cun laboratorio de biotecnoloxía, un centro de experimentación en enerxías renovables, un centro de cirurxía experimental cun sistema de quirófano avanzando, un coworking e un heliporto.
En torno ao 30% da actividade de Tecnópole xira ao redor das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) e o resto está diversificado en varios sectores, cunha tendencia emerxente á especialización en dous ámbitos moi definidos: a biotecnoloxía e as enerxías renovables.
Egatel (integrada en COMSA Corporación), grupo referente no sector das infraestruturas e a enxeñaría a nivel mundial, ou a cooperativa agroalimentaria galega Coren, foron algunhas das primeiras empresas que se instalaron en Tecnópole e que aínda se manteñen hoxe. Xunto a elas, destacan outras pertencentes a importantes grupos empresariais como Coasa (Aernnova), empresa líder no deseño e fabricación de aeroestruturas; ou ACS Ibérica (grupo CIE Automotive), provedor global de compoñentes e subconxuntos para o mercado de automoción; así como firmas relevantes a escala nacional como Roberto Verino no sector téxtil.
Ademais, nas infraestruturas do parque teñen a súa sede 5 centros tecnolóxicos: o Centro Tecnolóxico da Carne, o Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (CIS-Madera), o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI), Coren CTI e o Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia.
Sustentabilidade e internacionalización
Para o futuro inmediato de Tecnópole, están en marcha diferentes proxectos que apostan pola dixitalización, a sustentabilidade e a internacionalización. Por un lado, a creación do Centro de Ciberseguridade de Galicia, que podería estar totalmente implantado en 2025. Por outro lado, a creación da primeira comunidade enerxética empresarial de Galicia, que está previsto que se faga efectiva en 2023 e que permitirá que o parque sexa autosuficiente, cunha potencia instalada de 2 MW.
Ademais, na actualidade Tecnópole está centrada no desenvolvemento do programa Galicia Avanza, unha aceleradora para a internacionalización de empresas en colaboración coa Xunta de Galicia. Nesta iniciativa participan 60 pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a Comunidade que, polo seu desenvolvemento e evolución, poden ver como as súas iniciativas empresariais adquiren unha expansión máis global.
Unha aposta pola divulgación científica
Unha das principais contribucións de Tecnópole ao longo de toda a súa historia é a divulgación científica de calidade, na que destacan propostas tan relevantes como Galiciencia: a maior feira científica que se celebra en Galicia desde 2006. O seu obxectivo principal é achegar a ciencia á sociedade, espertando vocacións científicas especialmente entre estudantes de Primaria, Secundaria e Bacharelato. Tamén é destacable a recentemente creada Aula Newton Galicia, unha aula de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre os mozos cun enfoque totalmente práctico e moi innovador. Trátase dunha iniciativa promovida por Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole.
Fonte: Galicia Empresa