Tecnoloxías de onda milimétrica, a promesa das comunicacións sen fíos 5G

IMDEA Networks e Huawei Technologies lanzan un proxecto de investigación conxunto para explorar as sinerxías de dúas tecnoloxías sen fíos moi distintas, compoñentes clave do presente e o futuro das comunicacións móbiles. Por un lado, o proxecto eríxese sobre a base das redes móbiles cotiás como o WiFi ou o LTE. Por outro lado, integra as redes sen fíos de vangarda que operan na banda de ondas milimétricas, tal como se prevé nas futuras redes 5G.

A combinación de ambas as dúas tecnoloxías é crucial para a evolución das redes móbiles, unha das tecnoloxías máis impulsoras do cambio e o progreso cara á “sociedade en rede”.

Máis alá dunha mellor cobertura móbil para cada individuo, a tecnoloxía móbil impulsou o desenvolvemento da sociedade no seu conxunto en termos de comunicación, comercio e servizos públicos. Para atender a demanda resultante (e crecente) de datos móbiles, hoxe asígnanse máis recursos ás redes sen fíos en termos de bandas de frecuencias. Isto permite aos operadores non só proporcionar conexións máis rápidas, senón tamén servir a máis usuarios a un custo menor, co que a conectividade sen fíos chega a unha maior porción da sociedade.

Non obstante, o uso de innovadoras bandas de frecuencia de onda milimétrica para canalizar as comunicacións móbiles formula unha serie de desafíos técnicos en comparación coas redes móbiles tradicionais.

Nas redes tradicionais cada estación base cobre aproximadamente unha área circular. Sempre e cando un dispositivo móbil se atope dentro desa zona, a estación base pode comunicarse con ela independentemente da súa situación. Pola contra, nas redes de ondas milimétricas a estación base debe ser “consciente” da dirección na que se atopa o dispositivo para poder comunicarse con el.

A razón subxacente é que a atenuación de sinal é moito maior en bandas de frecuencia de onda milimétrica se se comparan coas bandas tradicionais. A estación base debe concentrar toda a súa enerxía de transmisión na dirección do dispositivo para poder enviar mensaxes a este. Como resultado, a cobertura xa non é circular e a estación base só pode dar servizo simultaneamente a unha dirección específica. Isto provoca que sexa intrinsecamente máis difícil operar a rede.

A asociación de IMDEA Networks e Huawei ten como obxectivo abordar todos estes desafíos. Neste proxecto conxunto, os socios aproveitan bandas de frecuencia tradicionais para estimar a dirección na que se atopa un usuario e utilizan esta información para dirixir a transmisión na banda de ondas milimétricas. A sinerxía entre ambas as dúas bandas radica en que estimar a dirección dun usuario é máis conveniente usando bandas tradicionais, mentres que a transmisión de grandes volumes de datos é máis doada usando bandas de onda milimétrica.

O obxectivo do proxecto é adaptar e mellorar as técnicas existentes de direccionamento do sinal para o caso particular das redes de ondas milimétricas. Con este fin, IMDEA Networks achega a súa experiencia técnica neste campo, así como un prototipo inicial do sistema. Huawei achega datos de medición baseándose nun gran banco de probas práctico, o que é clave para validar os mecanismos desenvolvidos dentro do proxecto.

Espérase que esta colaboración resulte nunha mellora significativa en canto á exactitude do direccionamento así como ao rendemento na transmisión de datos con respecto ao estado da técnica neste campo, achandando así o camiño para o despregamento masivo de tecnoloxías de ondas milimétricas, requisito esencial na folla de ruta das comunicacións 5G.

O proxecto comezou en xullo de 2017 e ten unha duración prevista dun ano.

(Fonte: IMDEA)