Tecnoloxía galega para cumprir o soño de almacenar enerxía

A compañía galega Norvento só entende o idioma renovable. Ademais de ser un dos principais operadores de parques eólicos en Galicia, a empresa con sede en Lugo fabrica e investiga. Agora está mergullada de cheo no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para que as industrias poidan non só producir a súa propia enerxía eléctrica, senón tamén almacenala. Todo un soño que xa é unha realidade grazas ás baterías.

Manuel Pinilla, director comercial de Norvento, explica que a enerxética arrincou fai once anos o proxecto tecnolóxico. Fíxoo co que denominou o Ned 100, un aeroxerador de 100 quilowatts, non para colocar nun monte, senón para penetrar ás industrias no mundo da xeración distribuída, no autoconsumo de enerxía. Pinilla explica que xa entón viron que era a tendencia que se aveciñaba na loita contra o cambio climático: moitas renovables e produción a pequena escala, descentralizada, especialmente de enerxía fotovoltaica.

«O incremento de renovables para combater o cambio climático esíxenos a capacidade de controlar un sistema eléctrico no que as fontes de xeración non van ao ritmo da demanda, e necesitamos ferramentas como o almacenamento, para equilibrar xeración e demanda», aclara.

Norvento desenvolveu a súa propia solución a partir dunha das pezas que formaron parte daquel primeiro aeroxerador eólico: o convertidor electrónico de potencia, que permite xestionar o intercambio de enerxía das baterías coa rede. «En función da instalación, pódese acumular electricidade naqueles momentos nos que é máis barata para poder usala cando é máis cara comprala no mercado; ou acumular excedentes de produción. Ten outras funcionalidades como participar nos servizos de equilibrado do sistema para subir ou baixar potencia. Unha instalación industrial non acode directamente a prestar eses servizos, pero si a través da figura do agregador de potencia, que xestionará a de moitas industrias que conten con sistemas de almacenamento», subliña o responsable comercial da empresa galega.

Norvento ten esa pata tecnolóxica e outra como provedores de solucións chave en man para a industria. Manuel Pinilla destaca que «comercializamos tecnoloxía que fabricamos en Vilalba, e temos ambición por despregala por todo o mundo porque ten aplicación a industrias conectadas -España é un país moi electrificado-, e tamén en países en vías de desenvolvemento, que teñen zonas sen electricidade ás que non chegará a rede principal e que funcionan con microrredes que agregan distintas fontes de xeración renovables na súa maioría e que necesitan baterías».

A compañía traballa en varios proxectos de I+D no ámbito do almacenamento, optimizando eses convertidores, mellorando os algoritmos de control para que se coordinen mellor mediante protocolos de comunicación cos agregadores de servizos, que acheguen intelixencia á xestión da enerxía. «Por exemplo, os nosos convertidores permiten conectarse con sistemas de predición meteorolóxica, de tal forma que poden ter en conta as previsións de vento ou de radiación solar para cadralo cunha previsión de consumo para sacar o máximo partido ao seu sistema de baterías».

Até agora, o principal inconveniente das baterías eran o seu prezo e a súa duración. Pero «xa estamos no limiar da viabilidade comercial plena», aclara Pinilla, quen engade que «as baterías, fai catro ou cinco anos, custaban tres ou catro veces máis que agora. O que ocorreu é que os volumes de fabricación de baterías medraron moitísimo grazas aos teléfonos e os computadores e iso abarata o produto». Pero «cando as baterías estean á metade de prezo non haberá nin que pensalo, as industrias investirán nelas porque lles garantirá viabilidade», resalta.

Fonte: La Voz de Galicia