Unha intervención non invasiva, aplicada nunha zona do cerebro de apenas 3,5 milímetros, que dura só media hora e na que o paciente pode ir á casa de alta ao día seguinte, estrearase co 2021 no Hospital Clínico Universitario de Santiago para enfermos que sufran tremores, moitos deles novos. O xefe de Neuroloxía do CHUS, o doutor José María Prieto, subliña que se converterán no primeiro servizo público de España en contar co novo sistema HIFU, indicado principalmente en párkinson, aínda que con grandes expectativas fronte a outras enfermidades. Sanidade investiu nesta revolucionaria técnica 1,8 millóns de euros.
Sobre en que pacientes está indicado este novo sistema, o doutor Prieto explica que “principalmente será para aqueles con tremor, e neste sentido os que teñen párkinson poderían ser susceptibles de ser tratados con esta técnica”. Engade que os pacientes con tremor “adoitan ser persoas máis novas ás que este síntoma lles xera unha gran limitación en moitas actividades habituais e mesmo profesionais”. Pon como exemplo a aqueles que deben realizar manobras delicadas que esixen precisión nos movementos e para os que eliminarlles o tremor “é fundamental na mellora da súa calidade de vida”.
En canto ao posible uso do sistema High Intensive Focused Ultrasound noutro tipo de pacientes, o experto indica que actualmente non está aprobada a súa indicación nestes por parte das autoridades sanitarias, aínda que expresa a súa confianza en que no futuro se poidan beneficiar desta cirurxía tan nova determinadas persoas con epilepsia, nalgúns tumores, no tremor de esclerose múltiple e mesmo nalgúns trastornos do comportamento, aínda que están en fase de investigación.
Sobre a técnica explica que “basicamente trátase de concentrar un feixe de ultrasons de alta enerxía nunha zona do cerebro que intervén no control motor e que ao funcionar de maneira anómala xera o tremor. O resultado é producir unha mínima lesión que se produce por calor e que mide uns 3-5 mm”. O proceso ten unha duración de entre 30 e 45 minutos e conta coa vantaxe engadida de que o paciente se pode ir á súa casa ao día seguinte.
Fonte: El Correo Gallego