A mobilidade urbana do futuro ten os seus ollos postos no ceo. E é que está previsto que, ao longo da próxima década, existan vehículos voando en cidades de todo o mundo, como alternativa ao transporte terrestre. De feito, estímase que en 2035 o negocio do “air taxi” alcance os 32.000 millóns de euros, segundo un estudo de Porsche Consulting.
Actualmente, existen a nivel mundial 6 prototipos e hoxe o centro de investigación e desenvolvemento tecnolóxico Tecnalia presentou en Donostia-San Sebastián o primeiro deles de España, orientado para cubrir traxectos curtos en cidades de forma autónoma. Trátase dun prototipo deseñado para o traslado dunha persoa ou cargas de ata 150 quilogramos, e cubrir en aproximadamente 15 minutos distancias urbanas de ata 15 quilómetros, co que se cubrirían as necesidades de transporte do centro urbano do 85% de todas as cidades do mundo.
A velocidade durante os traxectos sería de 90 km/h, aínda que a arquitectura podería permitir velocidades de ata 190 km/h, e a altura do voo atoparíase entre os 100 e os 300 metros, a expensas de como evolucione a lexislación vixente.
Agustín J. Sáenz, subdirector xeral de Mercado de Tecnalia, asegurou que “é un fito no campo da Mobilidade Aérea Urbana, que nos posiciona como pioneiros en Europa xunto a Alemaña e nos converte nun referente mundial”, Así mesmo, afirmou que “se trata” dun novo concepto de aeronave que se podería escalar dende un ata catro pasaxeiros en función da integración demandada en cada cidade e servizo”.
O aerotaxi de Tecnalia está composto por unha cabina aerodinámica de 1.8 metros por 2 metros, con porta e ventá, e por catro drons colocados na parte superior e inferior da nave, que permiten o desprazamento desta. E aquí é onde reside a súa principal innovación: grazas a un sistema de control avanzado, estes drons móvense de forma independente, pero coordinada entre si, o que favorece a estabilidade, eficiencia, precisión e controlabilidade da cabina e, polo tanto, o confort no seu interior.
Joseba Lasa, un dos responsables do desenvolvemento, explicou que “a principal novidade da aeronave de Tecnalia reside en que pola súa arquitectura permite que a cabina poida manter a súa propia orientación independentemente da velocidade, unha vantaxe clara fronte aos drons convencionais e as actuais aplicacións tipo “air taxi”. Esta característica mellora a experiencia de voo, permitindo unha sensación similar á dun automóbil ou un autobús, dende o punto de vista dinámico”.
Autónomo e interactivo
O produto final será autónomo, incorporando as tecnoloxías de posicionamento e comunicación do resto de vehículos autopilotados. Terá tamén capacidades de aterraxe e despegue precisos en espazos reducidos, como unha praza de aparcamento, e poderá soportar condicións ambientais adversas, tales como forte vento e chuvia, así como minimizar o fluxo de aire molesto á hora de despegar e aterrar.
En canto á interacción coa nave, o deseño foi pensado para maximizar a súa integración na vida cotiá do usuario e a cidade. Haberá interacción mediante móbil, identificación da aeronave a pé de rúa, será accesible dende a parte traseira de forma cómoda e sinxela, e con suficiente espazo para acomodarse.
Agustín J. Sáenz explicou que “unha das formas de explotación posibles para este tipo de vehículos é a dun servizo compartido que permita acceder a estas aeronaves cando se necesita un desprazamento de forma autónoma ata outro punto da cidade. Así mesmo, poden ser utilizadas como vehículos de transporte urbano de mercadorías ou para accesos rápidos en caso de emerxencia”. Este amplo rango de uso é posible grazas aos diversos desenvolvementos que foron necesarios neste prototipo, e que poden ser reutilizados total, ou parcialmente, para outras aplicacións no ámbito da mobilidade baseada en drons.
Tecnalia atópase actualmente en fase de negociación con distintos socios industriais para o desenvolvemento e industrialización do produto final e prevé que este tipo de aeronaves poderían ser unha realidade no mercado no ceo de diversas cidades nun prazo de cinco anos. E en paralelo, está a traballar coas diferentes autoridades involucradas nos cambios lexislativos necesarios para que sexa posible. Non obstante, países como Alemaña e Francia xa se están a posicionar con proxectos piloto e en 2020, Los Ángeles, Dallas, Dubai, Singapura e Tokyo realizarán os primeiros voos experimentais nas súas cidades.
(Fonte: APTE)