Tecmeva acolle a formación de especialistas médicos en novas técnicas cirúrxicas para tratar patoloxías do pé e do nocello

Tecmeva -Tecnoloxías Médicas de Vangarda- é o centro de investigación en novas tecnoloxías cirúrxicas minimamente invasivas situado no Parque Tecnolóxico de Galicia. É un centro punteiro no eido da cirurxía experimental na nosa comunidade, destinado á formación dos cirurxiáns, así como á mellora das condicións de seguridade, eficiencia e calidade da actividade cirúrxica.

O centro, xestionado por Tecnópole, dispón dunha área de 300 m2, divididos en dúas plantas, totalmente acondicionadas para realizar actividades de investigación aplicada e formación en diferentes técnicas de laparoscopia. Conta cun Sistema de Quirófano Avanzado, cuxa tecnoloxía está a disposición dos hospitais, administracións públicas sanitarias, xestores e profesionais -tanto públicos como privados- para a formación en técnicas vangardistas.

As instalacións de Tecmeva acolleron recentemente unha xornada centrada nas patoloxías do pé e do nocello, promovida polo Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), en colaboración coa Sociedad Española de Medicina y Cirugía del Pie y Tobillo. Estivo coordinada polo Dr. Antonio Fernández Cebrián, cirurxián traumatolóxico. Participaron tamén os doutores Jesús Vilá i Rico e Enrique Sánchez Morata, do Hospital 12 de Octubre de Madrid; e Manuel Monteagudo, da Clínica Quirón de Madrid.

Fonte: Tecnópole