Tapan Munroe recoméndalle a España importar o modelo de Silicon Valley a través dos parques tecnolóxicos para superar a crise

O experto en economía rexional e asesor de varios bancos do Val Central de California Tapan Munroe asegura que “os parques tecnolóxicos son un elemento chave para crear un ecosistema da innovación en España”. Munroe presentou o seu último libro, ‘Silicon Valley: a ecoloxía da innovación’, durante a súa intervención na Conferencia Internacional de Parques Científicos e Tecnolóxicos, que se celebra en Ourense entre hoxe e mañá con Tecnópole como anfitrión.

Munroe analizou a crise mundial actual e expuxo que “a recuperación económica e a viabilidade dos países a longo prazo depende necesariamente da implantación de ecosistemas de innovación exitosos e sostibles” e baseados na coopetición (cooperación+competición), na política de clústers e na potenciación do emprendemento, entre outros factores.

Segundo Munroe, as chaves do éxito para a economía do século XXI resúmense na ecuación “innovación recurrente máis produtividade en aumento igual a prosperidade de longo percorrido”. O cento de asistentes á súa ponencia na Tecnópole tomaron nota da recomendación do experto na que se mostrou convencido de que “a imitación do modelo de Silicon Valley é a mellor fórmula para a supervivencia e o éxito dos países”, citando como exemplos a China e a India, que foron os campións do crecemento durante este ano con taxas do 10% e do 8% respectivamente.

Rede Galega de Parques

A Rede Galega de Parques Científico-Tecnolóxicos nace co obxectivo de coordinar o crecemento ordenado do espazo destinado a servizos tecnolóxicos de valor e para optimizar os recursos de I+D+i dos parques científico-tecnolóxicos galegos. Este obxectivo foi expresado esta mañá polo director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria e conselleiro delegado do Parque Tecnolóxico de Galicia, Salustiano Mato de la Iglesia, durante a súa ponencia na Conferencia.

Mato de la Iglesia expuxo ao cento de asistentes ao evento, procedentes de toda España, Europa e Estados Unidos, o proxecto de posta en marcha da Rede Galega de Parques Científico-Tecnolóxicos, da que Tecnópole será a entidade de referencia. Estas infraestruturas son unha das apostas estratéxicas do Plan Galego de I+D+i 2006-2010 –INCITE- para vertebrar o Sistema Galego de I+D+i, xunto coa creación de plataformas tecnolóxicas e centros tecnolóxicos.  

Nesta rede, que se atopa en fase de constitución, están incluídos cinco parques: a Tecnópole (coordinador), a Cidade Tecnolóxica de Vigo (CITEXVI), o Parque Científico-Tecnolóxico de A Coruña e os Parques Científico-Tecnolóxicos de Santiago e Lugo. Salustiano Mato recordou que coa posta em marcha desta rede preténdense mobilizar 435 millóns de euros, poñer a disposición 2 millóns de metros cadrados de solo tecnolóxico e xerar 6.600 empregos directos de aquí a 2012.

Por último, Salustiano Mato presentou aos asistentes a ampliación do Parque Tecnolóxico de Galicia, que pasará a ocupar case o dobre da superficie actual, 939.625 metros cadrados, dedicados fundamentalmente aos sectores da biotecnoloxía e as enerxías renovables.

A Web 2.0 e os FEDER

Na súa intervención, Genís Roca, socio-director da consultora RocaSalvatella, firma especializada en modelos de presenza na rede que desenvolve a súa actividade en grandes corporacións, institucións e gobernos de diferentes países, fixo fincapé na importancia da correcta xestión do impacto que supón a introdución das novas tecnoloxías nas organizacións.

O que ata hai pouco foi director xeral de Infonomía, a rede decana de innovación en España, expuxo casos de éxito do desenvolvemento de redes sociais e da definición de modelos de presenza na Rede de varias compañías en todo o mundo, que, segundo a súa análise, “tiveron a visión de aproveitar o potencial das ferramentas da Web 2.0 para aumentar a competitividade do seu negocio”, referíndose por exemplo á creación de comunidades de usuarios avanzados dos seus produtos para recoller as súas suxerencias innovadoras.

Pola súa banda, Michel-Eric Dufeil, xefe da Unidade Española da Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea, explicou que dos 6.000 millóns de euros que España recibirá en total no periodo 2007-2013 procedente do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) o 60% está destinado a I+D+i, a través de dous programas específicos: o da Economía do Coñecemento e o do Fondo Tecnolóxico.

Dufeil expuxo que, sumándolle a achega dos fondos propios do Goberno estatal, os programas operativos de apoio á investigación, o desenvolvemento e a innovación estarán dotados con 9.000 millóns de euros en total en España durante ese periodo, cun especial foco nas PEMES. “A proba está en que o 64% do Programa Operativo do Fondo Tecnolóxico está destinado a axudas para proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico levados a cabo por pequenas e medianas empresas”, asegurou.

Visita a Allariz

O cento de asistentes á VII Conferencia Internacional de APTE tiveron ocasión de coñecer pola tarde a vila de Allariz, onde o alcalde, Francisco García, lles explicou as bases da xestión dos seus recursos turísticos, patrimoniais e comerciais, que a converteron nun exemplo de política municipal innovadora.

As continuación, asistiron ás dúas últimas ponencias do día, a cargo do enxeñeiro de IBM Daniel Fernández Lestón e do presidente executivo de Blusens, José Ramón García.

Fernández Lestón, que traballa na comunidade de IBM que explora as posibilidades de negocio das contornas virtuais on-line como Second Life, explicou que internet continuará evolucionando e ampliando o seu tamaño, potencia e funcionalidades. “Nesta evolución, os mundos virtuais pasarán a ser parte integrante da Web, permitíndonos usos que ata agora non eran posibles e que transformarán a forma na que traballamos, nos comunicamos e vivimos”, asegurou.

Neste sentido, puxo exemplos dalgunhas das posibilidades que ofrecen os mundos virtuais tridimensionais e que xa están sendo explotadas por empresas con aplicacións tales como formación e colaboración a distancia, organización de eventos, simulacións ou actividades comerciais.

O presidente executivo de Blusens, José Ramón García, fixo un percorrido pola traxectoria da empresa galega fabricante de electrónica de consumo que, “iniciando a súa actividade no ano 2002 e sen recursos, conseguíu o liderado en España de segmentos de mercado moi competitivos como o do MP3”, ao que engadiu que a compañía rematará 2009 coa súa marca posicionada en 50 países. “Nada é imposible no mundo do emprendemento aínda que os recursos sexan limitados”, afirmou.

García asegurou que “o compromiso coa I+D é moi claro” e que case a metade do persoal da empresa está ligado á innovación e a creatividade tecnolóxica, o que posibilitou un crecemento empresarial de ata o 200% anual.