É a negación do principio “zapateiro aos teus zapatos”, que relata moi ben unha película estadounidense de 2014 dirixida por Thomas McCarthy co título The Cobbler e que basea o seu argumento na historia dun profesional coa habilidade de asumir a vida dos seus clientes a través dos seus calzados. O que no ámbito empresarial se traduce nunha importancia crecente da toma de decisións dende a planificación empresarial malia a externalización desa xestión administrativa.
Nese camiño, un recente taller sobre a fiscalidade do imposto de sociedades realizado no Parque Tecnolóxico de Galicia pretendía aproximar aos asistentes, basicamente xestores de micropemes cun profundo perfil tecnolóxico pero con reducida atención á xestión empresarial, nalgúns coñecementos e ferramentas básicas que contribuísen a entender a situación das empresas dende o punto de vista fiscal e dos beneficios que determinadas actividades económicas teñen no importe final das súas débedas coa Facenda Pública.
Máis aínda tras a gran reforma tributaria efectuada no ano 2015, que afectou aos principais impostos do sistema tributario do Estado e que no que se refire ao imposto sobre sociedades tivo o seu reflexo na aprobación dunha nova lei, a Lei 27/2014, do 27 de novembro aplicable para os períodos impositivos iniciados a partir de 1 de xaneiro de 2015.
Unha lei que grava os beneficios empresariais partindo, para a determinación da base impoñible, dun resultado contable ao que se incorporan correccións mediante a aplicación de lexislación fiscal co fin de limitar o diferimento do imposto ou o seu adianto baseándose en criterios empresariais dada a flexibilidade da regulación contable. E que unha vez determinada así, contempla importantes reducións: de ata un 60% naquelas rendas obtidas pola cesión a terceiros de activos intanxibles, o coñecido como Patent Box; dun 10% do importe do incremento dos fondos propios das empresas co fin de fomentar o financiamento propio para ter empresas saneadas logo da reserva de capitalización; ou a compensación de bases impoñibles negativas de exercicios anteriores sen límite temporal; ademais dunha serie de deducións na cota íntegra que permiten ás empresas pagar menos imposto grazas á realización de certas actividades ou ao pagamento por determinados bens ou servizos como son a dedución por actividades de investigación e desenvolvemento e innovación tecnolóxica; a dedución por investimentos en producións cinematográficas, series audiovisuais e espectáculos en vivo de artes escénicas e musicais; as deducións por creación de emprego ou a dedución por creación de emprego para traballadores con discapacidade. O que na práctica supón o mesmo que deducir dobremente algúns gastos da actividade empresarial: como gastos contables en primeira instancia e como gastos fiscais que, ao deducirse na súa maioría desa cota íntegra a pagar a Facenda, permite un aforro practicamente directo, sempre, iso si, suxeito a determinadas regras e porcentaxes.
De feito, as contas da Facenda Pública que publican os Presupostos Xerais do Estado cada ano dan conta dunha brecha enorme entre o resultado contable das empresas e a recadación do tributo; e así tomando o exemplo dunha empresa cun tipo impositivo do 25%, dende este exercicio 2016, o efecto destas accións suporía aplicar un tipo efectivo do 17%; e no caso de empresas de gran tamaño en torno ao 7%.
Polo argumentado, a realización dunha planificación fiscal axeitada vai máis alá dun mero trámite burocrático para a liquidación do imposto. Así como no libro de Alicia no País das Marabillas, onde todo é posible, e onde Alicia lle pregunta ao gato de Cheshire polo camiño a seguir, ao que este responde que depende a onde queira chegar… elixir supón ter unha meta en mente; e planificar empresarialmente: decidir que facer e que camiño tomar previo á determinación dos resultados por actividade.
(Fonte: Beatriz Tejada, técnico de proxectos de Tecnópole)