No stand tamén se darán a coñecer os servizos de apoio a empresas da Axencia Galega de Innovación (Gain), adscrita á Consellería de Economía, Emprego e Industria, e da Tecnópole, que ademais darán a coñecer o seu labor conxunto no eido da divulgación a través dun espectáculo científico.
A presenza de Tecnópole complétase coa participación de sete empresas máis que contarán con stands propios na exposición: Coasa, Laddes Works, Egatel, Aukor, Hispamoldes, Imgrafor e Coren.
A biotecnolóxica Glecex presentará a súa liña de superalimentos Berries&Friends, compostos vexetais en pó cun contido en nutrientes (vitaminas, minerais, antioxidantes, proteínas, ácidos graxos esenciais, etc.) moi elevado, o que lles confire unhas propiedades saudables superiores, como a prevención de enfermidades. Elaborados a partir da froita aronia e da polpa de açaí e de baobab, poden mesturarse con zumes, auga, leite, iogur ou calquera outro alimento.
Co obxectivo de posicionarse moi pronto no mercado dos wearables, Brookesia presentará o seu prototipo de pulseira intelixente. A BrooBand será personalizable e permitirá levar no pulso todo o que temos no smartphone, á parte de intercambiar contactos con outros usuarios só cun aperto de mans, realizar pagamentos ou contar cun sistema de recoñecemento biométrico. Ademais, virá cun kit de desenvolvemento de software que permitirá que terceiras persoas deseñen apps para personalizar a súa pulseira.
Robimat levará á exposición o seu robot paletizador Kuka, un autómata industrial capaz de organizar mercancías de ata 240 quilos sobre palés a unha velocidade de catro metros por segundo para a súa almacenaxe e transporte.
No eido das enerxías renovables, Gaélica Solar levará unha ampla mostra dos seus dispositivos especificamente deseñados para a contorna rural. Entre eles, estarán un equipo autónomo de cromaticidade solar para xerminación e crecemento de plantas e cultivos de interior, un sistema de autoconsumo fotovoltaico para rebaixar a factura eléctrica, un bombeo solar para pozos e piscinas, un sistema autónomo de eliminación de toupas de xeito non invasivo e unha depuradora de auga potable mediante luz xermicida.
Tamén no eido da enerxía, Alvtek mostrará os seus servizos de enxeñería en materia de eficiencia enerxética en edificacións a través do illamento e do uso da xeotermia combinada para reducir o consumo.
Madera Plus, especializada no sector forestal, presentará a súa nova metodoloxía sónica para caracterizar a calidade da fibra da madeira e o seu sistema de rexistro da pegada de carbono.
Centrada no campo do comercio electrónico (eCommerce), a empresa Profocus expoñerá a través de múltiples casos de éxito as súas innovadoras técnicas para converter a fotografía na chave da venda por internet. Algunhas delas consisten en recrear unha escena co produto como protagonista (técnica do ambiente simulado) ou en captar e transmitir un estilo de vida a través do produto (técnica life style). Os seus servizos máis novidosos inclúen tamén o posicionamento en buscadores de internet a través de imaxes (SEO image).
Serigrafiarte expoñerá a súa liña de produto máis novidosa no marco da súa estratexia de especialización para ir máis alá do convencional merchandising. A empresa, dedicada á impresión e a serigrafía, acaba de lanzar Pioshop, unha colección de roupa para bebés dirixida a consumidores que buscan prendas de alta calidade e produción limitada.
Primux terá a disposición dos visitantes os seus dous últimos produtos, deseñados no seu centro de I+D de Tecnópole e lanzados este mesmo ano: o Notebook 1401 –o primeiro portátil concibido integramente en España– e o Tour 1101 –un portátil que, grazas á súa pantalla táctil e xiratoria a 360º, se converte en tablet–.
O grupo Qualigal expoñerá os seus servizos de asesoramento a pemes e profesionais independentes no campo da seguridade alimentaria, complementados con servizos de formación e novas tecnoloxías a través das súas empresas Ingade e Amodo.
Pola súa banda, Agroamb mostrará a súa recoñecida tecnoloxía de procesamento e reciclaxe de residuos orgánicos como fertilizantes, así como os seus servizos agrícolas ou de loxística con colectores.
Xunto coas empresas, o Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia (LOMG) explicará os seus servizos de soporte á innovación, particularmente en relación ao desenvolvemento e posterior comercialización de novos produtos e servizos, axudando a mellorar a eficiencia dos procesos industriais e reducindo o risco de implantación no mercado. Tamén presentará os seus servizos de apoio ao emprendemento innovador o Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio de Ourense, que conta con 16 niños nas súas instalacións en Tecnópole.