Summit Europe 2016 xa coñece os seus tres gañadores

Summit Europe 2016 xa puxo nome aos seus tres mellores innovadores menores de 35 anos. A polaca Katarzyna Kamińska, o francés Timothée Boitouzet e o español Gonzalo Murillo lideran unha nova onda de innovadores que afronta o que resta de ano e todo un 2017 “moi prometedor e ilusionante”, como sinalou Pedro Moneo, CEO e fundador de Opinno.

Malia que como sinalou Moneo, “os 50 innovadores aquí presentes merecen o premio”, só 10 estiveron no pitch final, de onde saíu o podio definitivo. Katarzyna Kamińska ganou o premio ao impacto innovador, coa súa proposta TherVira, unha alternativa terapéutica que podería curar a gripe, independentemente da variante de virus que provoque a enfermidade e mesmo en estadios avanzados. “Podemos rematar con este virus dende dentro”, asegurou a innovadora.

O premio ao proxecto máis orixinal e disruptivo caeu en mans de Gonzalo Murillo, cunha iniciativa que aproveita a enerxía que “flota” no ambiente para alimentar os sensores de Internet das Cousas sen necesidade de baterías. “¿ Por que usar unha batería, se hai numerosas fontes enerxéticas residuais que ofrecen enerxía abonda para alimentar este tipo de sistemas?”, formulou aos asistentes á hora de explicar a súa proposta.

Pola súa banda, Timothée Boitouzet foi recoñecido como o innovador máis audaz. O seu proxecto Woodoo, baseado en madeira translúcida, resistente e sustentable para construír os edificios do futuro, foi considerado como o máis capacitado para superar calquera tipo de reto ou dificultade. Arquitecto de profesión, recalcou que coa súa madeira “se poderán construír rañaceos de 36 plantas”, o que supón un reto ambicioso que está disposto a superar.

(Fonte: Innovaspain)