Só o 26% das PEMES españolas conta con app para o seu negocio online

As compras realizadas dende dispositivos móbiles non deixaron de crecer nos últimos anos. Os españois que utilizan un ‘smartphone’ ou unha tablet para adquirir servizos e produtos a través de Internet representan xa o 17,8% do total de compradores online. Non obstante, só o 26% das pemes españolas conta cunha app ou sitio web móbil para impulsar o seu negocio online, malia que o 67,4% dos xerentes enquisados é conscientes das vantaxes do comercio móbil.

Tendo en conta os datos do estudo ‘As pmes españolas no ámbito online”, realizado por eBay, a plataforma global de compravenda, que analiza en profundidade a situación das pequenas e medianas empresas en relación ao comercio electrónico, soamente un 26% das pequenas e medianas empresas do noso país conta cunha app móbil ou un sitio web optimizado para estes dispositivos como canles complementarias para impulsar os seus negocios online. Ademais, unicamente un 8,1% delas planea implementar melloras nestas canles de venda nos próximos meses.

Diferentes perspectivas

Os datos reflicten que, malia ser conscientes das vantaxes do comercio móbil (67,4%), os xerentes das pemes e autónomos aínda se mostran reticentes a adecuar a súa tenda online aos novos dispositivos. Concretamente, un 58,4% dos enquisados afirma non dispoñer dunha aplicación móbil nin tampouco ter previsto crear unha nos próximos 12 meses, fronte a un 15,5% que si ten contemplado introducila na súa estratexia de negocio proximamente.

A alta penetración de ‘smartphones’ no noso país fai prever que a tendencia das compras móbiles se consolide aínda máis nos próximos meses. O director comercial de eBay en España, José Ángel López, sinala ao respecto: “Se hoxe en día os seus produtos non están dispoñibles para os consumidores móbiles, as pemes están a perder cota de mercado. Os vendedores necesitan adaptarse á cultura da mobilidade, adecuando a súa tenda online a estes dispositivos ou creando aplicacións específicas que permita ao consumidor comprar dende o móbil que levan sempre consigo”.

Outra das conclusións claves que se desprenden do estudo é que o 55,2% das pemes non cre que unha aplicación móbil sexa vital no crecemento do seu negocio, fronte ao 44,6% dos enquisados que si a considera un elemento clave. Ademais, o 68,6% dos xerentes resalta a necesidade de contar con apoio externo para poder introducir melloras e optimizar os seus negocios na era móbil (fronte ao 31,2% dos enquisados).

“Dende eBay dispoñemos da tecnoloxía necesaria para que as pequenas empresas poñan os seus produtos a disposición dos usuarios móbiles dende o primeiro momento, sen ningún investimento adicional,”, explica López. “A día de hoxe, o 57% de todas as nosas transaccións pasa polo móbil nalgún momento do proceso de compra, dato que evidencia o auxe do comercio móbil e o interese que esperta entre os nosos usuarios”, concreta.

(Fonte: EP)