Só o 10% das empresas extrae todo o potencial da tecnoloxía

As empresas só están aproveitando unha parte moi pequena do potencial que supoñen as novas tecnoloxías. De feito, só o 10% das compañías están tomando decisións óptimas de investimento e de adopción da tecnoloxía e obtendo o valor completo deses investimentos, segundo indica o estudo de Accenture “¿O teu legado ou a túa lenda? Guía para os CEOs: coomo maximizar o valor das novas tecnoloxías”.

Este informe, que foi presentado durante a celebración do cumio anual do Foro Económico Mundial de Davos, analiza o grao de adopción empresarial de tecnoloxías maduras e emerxentes como a intelixencia artificial (IA), a nube, blockchain e a realidade estendida.

O estudo pon de relevo que a maioría das compañías están a atopar dificultades á hora de alcanzar os niveis de innovación axeitados para impulsar o seu crecemento e ingresos. Iso si, a maioría dos conselleiros delegados expresan unha gran confianza na efectividade dos actuais sistemas de tecnoloxía da información (TI) das súas empresas.

“A maioría das empresas están a xogar un crecemento significativo dos ingresos futuros debido á brecha entre o valor potencial e o valor conseguido cos seus investimentos en tecnoloxía”, apuntou Paul Daugherty, director de tecnoloxía e innovación de Accenture. “O Noso informe ofrece aos conselleiros delegados unha nova folla de ruta para axudarlles a realizar investimentos estratéxicos que reduzan esta brecha de logros en innovación e impulsen un maior crecemento”.

Agresividade

Accenture anima as organizacións a adoptar as novas tecnoloxías de xeito máis agresivo. As empresas que teñen este enfoque e logran escalar a innovación nas súas compañías están a multiplicar por máis de dous a taxa de crecemento dos ingresos, segundo o estudo.

O problema non é de carencia tecnolóxica, senón de pulo para escalar estas innovacións. De feito, oito de cada dez conselleiros delegados entrevistados cren que contan coas tecnoloxías adecuadas para innovar a escala, e sete de cada dez afirma coñecer moi ben os investimentos da súa compañía en innovación.

O estudo baséase nunha enquisa realizada a máis de 8300 empresas en 20 sectores e de 20 países diferentes, deseñada para axudar ás empresas a comprender e pechar a brecha do que Accenture define como “logros de innovación”, que se define como a diferenza entre o valor potencial e o logrado nos investimentos realizados en tecnoloxía.

O estudo mostra o feito de como adoptar as novas tecnoloxías non garante o éxito, e por iso as empresas que adopten un modelo correcto de innovación ganarán vantaxe competitiva nos próximos anos.

En cambio, as empresas que queden demoradas na adopción e o escalado destas tecnoloxías poden afrontar dificultades. “Custaralles poñerse ao día e afectaralles negativamente no seu rendemento financeiro”, explica James Wilson, managing director de Tecnoloxías da Información e Investigación Empresarial de Accenture.

Folla de ruta

A consultora ofrece unha folla de ruta para que as compañías tomen as decisións óptimas de investimento e de adopción da tecnoloxía. Para iso, identificou cinco factores clave que distinguen ás empresas líderes.

En primeiro lugar, o progreso destas organizacións é maior en canto á aplicación de novas tecnoloxías como ferramenta para facer evolucionar os procesos de negocio empresariais.

Por exemplo, van un paso por diante no uso da nube e da intelixencia artificial como vías para aumentar a eficacia de múltiples procesos de negocio, en lugar de traballar en silos.

Outra das claves do éxito está na adaptación. Isto tradúcese en asegurar que os sistemas de tecnoloxías da información poden responder ás condicións cambiantes do mercado con accións como o desencaixamento dos sistemas herdados e o uso dos servizos na nube como catalizadores da innovación. É clave a adopción de arquitecturas tecnolóxicas que fagan que a organización sexa rápida e flexible.

Ademais, Accenture resalta que é primordial crear unha folla de ruta apropiada para a adopción e implementación de novas tecnoloxías. “Isto lógrase identificando as tecnoloxías esenciais e priorizando a súa adopción en función do impacto en toda a empresa”, recomendan os expertos que elaboraron o informe da consultora.

Na mellora da eficiencia dos profesionais da organización hai que buscar a axuda tecnolóxica, que tamén pode ser unha aliada para facer o traballo máis atractivo. A idea é capacitar o persoal para traballar coas tecnoloxías do futuro, explica a consultora.

Por riba de todo, non hai que perder de vista que hai que aliñar activamente a estratexia de negocio e a estratexia de tecnoloxías da información, e combinar os investimentos en tecnoloxía para aproveitar mellor as oportunidades.

(Fonte: Expansión)