Investigadores da Universidade Politécnica de Valencia (UPV) e o Instituto de Investigación Sanitaria La Fe desenvolveron un novo sistema de baixo custo e non invasivo, baseado no uso de teléfonos intelixentes, para medir a deformación cranial en lactantes -dende neonatos ata bebés de 12 meses. Utilizando o seu smartphone o médico poderá saber, en moi poucos pasos, o grao de deformación do cranio do bebé dun xeito totalmente obxectivo. O traballo dos investigadores valencianos foi publicado na revista World Neurosurgery.
A deformación cranial, incluíndo a plaxiocefalia posicional, braquicefalia e craneosinostose, afecta a un gran número de lactantes. A pesar diso, segundo destacan os investigadores, non existen normas establecidas para a súa avaliación sistemática.
“Polo xeral, mídese manualmente utilizando calibres, pero non existe un consenso sobre a idoneidade destas medicións para representar correctamente a deformación. Outras metodoloxías inclúen fotografía 3D e escáneres radiolóxicos, se ben requiren a sedación do bebé e a aplicación de radiación ionizante, así como un alto investimento en equipamento”, explica José Luis Lerma, director do Grupo de Investigación en Fotogrametría e Láser Escáner (GIFLE) da UPV.
O sistema desenvolvido polos investigadores valencianos é totalmente inocuo para o bebé; combina fotogrametría e modelado 3D e baséase na gravación dun vídeo do cranio do lactante cun smartphone. Do vídeo extráense unha cantidade de frames -imaxes- determinada, e con eles xérase o modelo 3D da cabeza do bebé con gran precisión.
“A partir dese modelo, xeramos un segundo co que sería a cabeza ideal dese bebé, para o que aplicamos un novidoso algoritmo; compáranse ambos os dous modelos e obtense se existe ou non deformación e o nivel de afección en cada caso, representado dun xeito moi visual mediante cores en función do grao de deformación”, engade Inés Barbero García, investigadora tamén do grupo GIFLE-UPV.
“A información proporcionada pola análise fotogramétrica é esencial para o clínico, xa que lle permite cuantificar de forma obxectiva o grao de deformidade cranial, planificar as estratexias máis axeitadas de tratamento e avaliar os seus propios resultados de forma medible, comparable e comunicable. Ata agora, as avaliacións craniométricas quedaban expostas a un alto índice de variabilidade inter e intraobservador, e os sistemas que proporcionan unha información fiable resultaban moi pouco accesibles debido ao seu elevado custo ou aos efectos adversos que implican para o paciente.
A aplicación da fotogrametría 3D nas deformidades craniais co uso de teléfonos móbiles abre verdadeiramente un novo paradigma na caracterización destas enfermidades” comenta Pablo Miranda, neurocirurxián pediátrico do Hospital Universitario e Politécnico La Fe.
Así, esta solución fotogramétrica 3D proporcionaría nun futuro, a calquera doutor, unha cantidade moito maior de información que as medicións lineais realizadas na consulta, dun xeito totalmente obxectivo, engade José Luis Lerma.
O desenvolvemento deste novo sistema tivo como punto de partida a convocatoria de axudas UPV-La Fe, cuxo obxectivo é apoiar impulsar a realización de proxectos de investigación/innovación nos que participen de xeito conxunto e coordinado persoal científico de ambas as dúas entidades.
(Fonte: APTE)