Se llo contan hai vinte anos non o crería. ¿Imaxínase controlar a súa explotación gandeira dende o seu teléfono móbil, sen case ter que pisar a granxa, e con control absoluto sobre as súas reses? Cales han de ser inseminadas, cales deben deixar de producir leite para entrar no período de secado, cales sufriron unha variación brusca de temperatura ou peso nos últimos días…
Pois deixe de imaxinalo, porque o control telemático das explotacións de gando vacún é unha realidade, e ademais moi popular en Galicia. A iso han de engadírselle sistemas de arrefriado dos animais para reducir o estrés por calor, como ventiladores ou nebulizadores; medios de transporte individualizados para acabados de nacer; robots de muxidura que miden ao instante os nutrientes do leite; ou decenas de invencións en materia de produción forraxeira, como un cóctel de microorganismos que mellora a calidade do zurro e diminúe considerablemente o seu olor fétido. Innovación, pero tamén confort para os animais.
Nas inmensas instalacións do centro de recría de Castro de Ribeira de Leas (Lugo), acabado de inaugurar, hai dende mantas térmicas para as tenreiras máis novas, ata máquinas especializadas para a preparación de leite ou pequenos “carriños de bebé” para o transporte das crías. “É un verdadeiro hotel de cinco estrelas”, di o responsable de recría Castro, Rogelio Grille.
Todo incluído, por 1500 euros
O funcionamento destas instalacións é sinxelo. Dado que moitas explotacións gandeiras non teñen o espazo, a man de obra ou a comida necesaria para manter durante dous anos tenreiras nacidas nas súas granxas para que despois se convertan en vacas produtoras de leite, os empresarios levan ao centro de recría as reses acabadas de nacer (duns 15 días) e alí permanecen durante 22 meses ata que están listas para o seu primeiro parto. No centro encárganse de todo -transporte, alimentación e primeira inseminación- e ao gandeiro sáelle a un prezo único duns 1500 euros por cada tenreira.
“A recría é o futuro das explotacións. As tenreiras que estás a criar hoxe serán as vacas de mañá”, sostén Grille. As máis pequenas téñenas en cubículos individualizados, para previr a propagación de enfermidades -sobre todo de tipo respiratorio e intestinal- e máis tarde xúntanas en pequenos grupos. Para ir dunha nave a outra das instalacións (86.000 metros cadrados) é evidente que non poderían trasladar as tenreiras a pé, polo que idearon sistemas de transporte que van dende carros de ata 6 prazas, a carriños individuais.
É primordial o manexo “exquisito” destes animais, pois debe engordar cada día unha media duns 800 gramos ata estar listas para o seu primeiro parto, que deben afrontar con 600 quilos de peso e boa saúde, algo fundamental para o correcto desenvolvemento da preñez. O estrés por calor. Cando unha vaca é sometida a temperaturas superiores a 27 graos sofre, e sobre todo no referido á fertilidade e a produtividade. É por iso que moitos gandeiros se están a rascar o peto para instalar nas súas granxas sistemas de ventilación autónomos para arrefriar o gando.
Existen, ademais, outras medidas para mellorar o confort dos animais, como os cepillos rascadores que moitas explotacións colocaron para que as súas reses poidan rascarse a pracer cando así o desexen. Na SAT A Pradeira de Xoane (Carballo), hai tanto cepillos como ventiladores.
O último en robots
De cara a mellorar o confort, aínda que esta vez do propio gandeiro implementáronse robots de alimentación que se encargan de repartir as porcións de comida de forma autónoma, e case sen a intervención do dono. Acode esta máquina a unha especie de centro loxístico onde mestura os ingredientes da porción e despois distribúea. Así, o gando dispón de comida fresca en todo momento e facilita enormemente o traballo ao operario.
E para a tarefa menos agradable, a limpeza dos excrementos polo corredor traseiro, tamén se inventou un instrumento. As arrabadeiras prográmanse de modo que, de forma autónoma, cepillan a zona traseira das prazas levándose consigo as feces e residuos. Aínda que se nalgún campo está máis que implantada a presenza de robots, é na muxidura. Pero aí non remata a cousa, senón que os gandeiros o levan todo no seu teléfono móbil, sen ter case que pisar a granxa.
Zurro sen olor: é posible
¿Como?, preguntaranse. Pois cun cóctel de microorganismos impulsado pola empresa pontevedresa Bioprana que aplicado ao zurro non só reduce en boa medida o seu olor fétido, senón que mellora a calidade da materia orgánica e dos terreos nos que despois se emprega a xeito de fertilizante. Ademais, alixeira a densidade do zurro, facendo máis doado o seu baleirado e impedindo posibles taponamentos. Os microorganismos que contén este produto adhírense á materia orgánica e aceleran o seu proceso de fermentación, reducindo tamén o volume de patóxenos que hai no ambiente, o que reduce enfermidades e afeccións nos animais.
(Fonte: La Voz de Galicia)