SmartCamp 2014, unha competición mundial de emprendedores

O próximo 23 de outubro IBM celebrará a cuarta edición nacional da competición mundial “SmartCamp” na que participan catro ‘startups’ con proxectos de base tecnolóxica que poden axudar a construír un planeta máis intelixente.

As catro empresas foron seleccionadas entre 50 candidatas e dende IBM destacan a calidade e a innovación dos proxectos presentados este ano. As candidatas, que optan a conseguir asesoramento dos expertos de IBM para continuar co seu proxecto, son Fluzo, Green momit, Kompyte e Weplan.

Fluzo é unha empresa española que permite conectar as denominadas primeira e segunda pantalla (medios tradicionais e novos dispositivos móbiles) para que o contido e a publicidade tradicionais sexan realmente interactivos.

En canto a Green momit, desenvolve produtos e solucións na nube mediante a utilización de Big Data e o tratamento intelixente da información, para axudar a aforrar no gasto enerxético do fogar.

Pola súa banda, Kompyte é unha solución de Intelixencia Competitiva para analizar e monitorizar os movementos da competencia no mundo online en tempo real. Esta tecnoloxía permite responder a tempo ante as estratexias online dos competidores.

Por último, Weplan é unha app gratuíta que axuda aos seus usuarios a aforrar na factura do teléfono.

As catro ‘startups’ optarán a continuar o seu proxecto grazas a IBM, así como o contacto con entidades de capital risco e participará na semifinal europea, que este ano terá lugar en Londres o 27 de novembro. Posteriormente, as gañadoras das competicións rexionais, pasarán a disputar a final global de 2014 en Estados Unidos.

A iniciativa SmartCamp, en marcha dende 2011 e enmarcada dentro do Programa Mundial de Emprendedores (IBM Global Entrepreneur), ten como finalidade axudar a empresas de recente creación e emprendedores a levar á práctica os seus proxectos e ideas de negocio.

O resto de cidades onde se está a celebrar esta competición durante 2014 son Austin, Cambridge, Chicago, Colorado, Dallas, Los Ángeles, Nueva York, Raleigh, Silicon Valley, Toronto, México, Londres, Berlín, Copenhague, Varsovia, Lille, Milán, Estambul, Moscú, Singapur, Nairobi, Tel Aviv, Bangalore, Beijing, Seúl, Tokyo, El Cairo, Casablanca, Johannesburgo, Cape Town, Lagos e Sidney.

(Fonte: Europa Press)