Shiseido instala en Madrid unha lona publicitaria que elimina a contaminación

Shiseido despregou hai uns días na Gran Vía madrileña unha lona publicitaria, algo normal se non fose porque esta gran tea é capaz de eliminar compostos prexudiciais para a saúde humana. Pulverizado con dióxido de titanio, o produto descompón o CO2 en distintas moléculas, sempre que “haxa luz, aire e humidade”.

É a primeira vez que se instala este tipo de lonas en Europa, se ben xa se implantou en Norteamérica e Xapón, sendo neste último de uso obrigatorio nos paneis publicitarios de Tokyo. Mide 1000 metros cadrados (500 x 20) e realiza a chamada fotocatálise, un proceso similar á fotosíntese que equivalería a 1000 árbores no medio dunha das rúas máis transitadas da capital de España. Un pequeno pulmón (segundo un voceiro de Shiseido é similar á metade do parque do Retiro) que anula en boa medida a contaminación producida por coches, fábricas ou calquera elemento contaminante próximo.

O Concello de Madrid intentou durante os últimos anos reducir a contaminación da cidade con este método, unha iniciativa nada desprezable xa que a lona pode sufrir durante cinco anos as inclemencias do tempo sen estragarse ou descolorarse, un grande avance en comparación a outros produtos que aguantaban menos tempo. Isto acontece grazas ao dióxido de titanio, que consegue eliminar nun 85% os gases do efecto invernadoiro como o metano e o óxido de nitróxeno (NOx). De feito, a NASA xa está a empregar este composto en varias das súas actividades.

Un voceiro de Shiseido informou que esta presentación ambiental vén acompañada do lanzamento de Ultimure, un soro que inmuniza a pel deteriorada pola polución, algo parecido ao realizado coa lona. Dende a compañía aseguraron a innovaspain.com que aínda non hai ningún proxecto de futuro respecto a este tema ambiental, pero que a longo prazo podería reformularse.

(Fonte: Innovaspain)