A tecnoloxía avanza a velocidades de vertixe e as grandes, medianas e pequenas empresas pisan o acelerador para estar ao día de calquera cambio, e mesmo o xeralo. Pero, ¿estamos os usuarios preparados para este ritmo de innovación?
No seu estudo anual Trends View sobre as aprendizaxes tecnolóxicas que deixou 2017, a consultora The Cocktail analiza as tendencias que seguen as empresas na súa relación co consumidor e as novas tecnoloxías ás que os clientes estamos expostos. A conclusión é que estamos a funcionar a dúas velocidades: mentres que as compañías apostan pola innovación, a experiencia do cliente e gran cantidade de información e contidos, os usuarios aínda arrastramos desconfianzas do pasado. The Cocktail resume a situación tecnolóxica actual en varios puntos:
Sobreestimulación. A cantidade de información e contidos ao alcance do usuario e a ausencia de ferramentas para distinguir que é máis importante acaba desembocando nun estado de constante alarma onde é difícil distinguir o verdadeiro do falso. Ante iso, dende a consultora propoñen ás marcas recuperar a súa lexitimidade como líderes do sector, converterse en expertos que guían o consumidor.
Demasiada disrupción. O consumidor aínda non asumiu algunhas innovacións cando xa se está a falar de novas. Por exemplo, no caso dos medios de pagamento hai multitude de novos players (bancos, fintech, tecnolóxicas…) mentres o usuario mostra, por agora, limitado interese.
Corpo humano como interface. O corpo converteuse na mellor ferramenta para a tecnoloxía. Desbloquear o móbil co rostro, pagar coa pegada dactilar, pedir algo mediante comandos de voz ou facer unha foto mediante un sorriso é cada vez máis habitual.
Efecto oportunidade. As campañas de último minuto tipo Black Friday, Límite 48 horas ou Días sen IVE, conseguen crear unha gran necesidade nos consumidores para adquirir produtos antes de que se esgoten. En Zara, por exemplo, empézase a integrar información meteorolóxica para planear as súas campañas e adecuar a súa operativa: Compra un abrigo se hoxe fai frío.
Máis tendas físicas. Hai un par de anos os establecementos vían ameazado o seu reinado polo aumento das tendas online. Agora, mesmo as tendas en Internet apostan por abrir os seus propios negocios físicos, como por exemplo Amazon ou PcComponentes. Os flagship convértense en tendas para experimentar e mesmo marcas como Sanex, La Vaca Que Ríe ou Colgate van abrir os seus propios establecementos. “O punto físico vai tomar un papel especialmente relevante para construír diferenciación e onde a marca poida propoñer unha experiencia única e de valor co consumidor. M&M ou Lego xa construíron a súa propia experiencia física e demostran que é o momento no que marcas (de todos o sectores) se formulen cal é a experiencia física que a define para construír relación co consumidor”, explica María Herranz, de The Cocktail Analysis.
Coidado co colaborativo. The Cocktail advirte: “Se en anos pasados a economía colaborativa se presentaba (e era aceptada) como un espazo desintermediado no que os cidadáns intercambiaban de forma autónoma, en 2017 esta percepción modifícase: empézanse a sentir os efectos secundarios da desregulación e identifícanse grandes intereses corporativos detrás destas plataformas”. Bo exemplo diso son as protestas dos condutores de Deliveroo ou as asociacións creadas contra Airbnb e os pisos turísticos de aluguer.
Adeus ao early adopter. A tecnoloxía xa non é só para novos ou expertos. Todos somos clientes potenciais das grandes innovacións do momento. O asistente de voz Alexa conta xa con decenas de millóns de usuarios en Estados Unidos con dous anos de vida e en España, Netflix chegou a mediados de 2016 e xa conta con máis de 1.100.000 de usuarios.
(Fonte: Expansión)