Sete de cada dez empresas confían na metodoloxía agile

Business Agility Corporation (BAC) é unha asociación que naceu en 2016 para entender os cambios no mercado como consecuencia da transformación dixital. Actualmente está composta por profesionais de máis de 30 empresas e entidades públicas, entre as que se inclúen máis dun terzo das compañías do Ibex 35. A última das súas iniciativas chámase BACómetro e consiste nun medidor do nivel de adopción da metodoloxía agile en España. Os resultados son mellores dos que a priori cabería esperar.

Case un 70% dos enquisados (todas grandes empresas) utiliza agile de forma regular e un 20% adoptouna como forma de traballo por defecto, o cal supón un “pronunciado incremento” dende a medición realizada -de forma máis rudimentaria- en 2016, durante o primeiro congreso da BAC.

É máis, segundo os seus resultados, o 60% das empresas enquisadas xa ten polo menos 100 persoas traballando en agile, e algunhas mesmo superan o millar. Para a BAC, este volume evidencia a necesidade de modelos de escalado que permitan a súa coordinación e que xa se están a aplicar, ou ben serán necesarios abordar a curto prazo.

Así, agile supera en España a outras metodoloxías ou filosofías que poderían asociarse á transformación dixital (design thinking, lean ou DevOps), cun terzo dos enquisados xa traballando baixo esta filosofía e un 80% utilizando ou a punto de comezar a utilizar modelos de escalado. Por sectores, banca e seguros destacan na súa adopción, fronte a ámbitos máis industriais onde o impulso é moito máis recente.

En que consiste

Agile non é propiamente unha metodoloxía innovadora, senón un conxunto delas. Naceu a principios desta década no sector informático, co fin de optimizar o desenvolvemento de software. Pero os bos resultados deste modelo de traballo, que rompe coa tradicional planificación lineal, convertérono no estándar de moitas empresas.

A súa efectividade poténciase ao complementar a cultura da axilidade con equipos scrums multidisciplinares. “É unha cultura que trae cambios organizativos tanto nas áreas de Sistemas e Tecnoloxías da Información, como en Negocio, sosteñen dende a BAC. “Agile non é unha moda pasaxeira, é unha panca fundamental de transformación e está aquí para quedar, para axudar na construción de novas compañías que poidan afrontar os novos retos que viven,” insisten.

Outros dos temas que resalta este informe é que agile xa se materializa en resultados tanxibles, destacando a velocidade de entrega, a mellora de relación do equipo e a adaptación continua ás necesidades.

Así mesmo, segundo esta asociación, a metodoloxía agile estaría apoiada maioritariamente polos conselleiros delegados das grandes empresas españolas. Isto evidenciaría o crecente compromiso dos executivos pola transformación dixital dos negocios.

(Fonte: Expansión)