Sertelfin traslada a Tecnópole a súa sede para expandirse a Latinoamérica

As expectativas de crecemento do renting tecnolóxico no mercado interno e nas principais economías de Latinoamérica fan que o plan de negocio do grupo Sertelfin contemple incrementos de facturación superiores ao 80% para este ano e o próximo. Tras lograr o ano pasado uns ingresos de 3,1 millóns, a cifra obxectivo para 2014 ascende a 5,6 millóns.
 
Conexiona achegará este ano 1,5 millóns de euros á facturación do grupo Sertelfin. A comercialización do seu novo software para almacéns hospitalarios e estacións de servizo contribuirá a que medre máis do 75% sobre 2013. O 90% da súa facturación son solucións informáticas propias. O grupo ten
14 traballadores que serán o dobre en 2015.
 
Juan Piñeiro, presidente da compañía, destaca a boa evolución das vendas nos primeiros meses do ano: “Pechamos o primeiro cuadrimestre en 1,5 millóns e o noso forte como grupo especializado en equipamento tecnolóxico e industrial na modalidade de renting adoita ser o último cuadrimestre”, avanza.
 
Coincidindo coa constitución de Sertelfin México SL no mes de abril, o grupo con maioría de capital galego realizou un segundo movemento corporativo, consistente en trasladar a súa sede operativa e administrativa desde León a Ourense. O seu centro de actividades está agora no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), onde xa viña operando –desde a súa constitución en 2006– a empresa Conexiona, unha das tres que integran o holding xunto con Atrio Servicios Jurídicos e a acabada de crear Sertelfin México. Ademais, está en negociación a compra ou a incorporación ao grupo “dunha sociedade nova española no ámbito da seguridade, que achegaría un gran valor engadido á nosa filial mexicana”, apunta Juan Piñeiro.
 
Sobre o cambio de Castela por Galicia como sede da compañía, argumenta que “a nosa empresa practicamente non ten unha necesidade de situación física determinada, xa que aplicamos a modalidade de teletraballo. Para o traslado unicamente se valorou a integración co resto do grupo e dispoñer dun espazo común”.
 
Nuns días, a filial situada en México D.F. comezará a abordar este mercado e a poñer en marcha un plan de negocio para posicionar a empresa nun mínimo doutros tres países –Brasil, Perú e Chile– en dous anos.
 
Renting áxil e préstamos tecnolóxicos
 
A matriz é a comercializadora dos produtos e servizos que desenvolve a tecnolóxica Conexiona e tamén distribúe de terceiras empresas. O seu modelo de negocio está baseado en facilitar aos clientes o acceso a todo tipo de bens de produción mediante financiamento inmediato e sinxelo. A súa dobre aposta é o renting áxil –sen intervención notarial e con aprobación de operacións nunha media de 48 horas– e a concesión de préstamos tecnolóxicos.
 
Este sistema alternativo ao leasing e aos préstamos tradicionais permite “usar os bens de equipo en aluguer, sen contaminar o pasivo do balance e sen tensións de liquidez, pero con vantaxes fiscais e centrando o seu esforzo financeiro no seu negocio”, subliña o presidente.