Sertelfin traslada a Tecnópole a súa sede para expandirse a Latinoamérica

As expectativas de crecemento do renting tecnolóxico no mercado interno e nas principais economías de Latinoamérica fan que o plan de negocio do grupo Sertelfin contemple incrementos de facturación superiores ao 80% para este ano e o próximo. Tras lograr o ano pasado uns ingresos de 3,1 millóns, a cifra obxectivo para 2014 ascende a 5,6 millóns.

Conexiona achegará este ano 1,5 millóns de euros á facturación do grupo Sertelfin. A comercialización do seu novo software para almacéns hospitalarios e estacións de servizo contribuirá a que creza máis do 75% sobre 2013. O 90% da súa facturación son solucións informáticas propias. O grupo ten 14 traballadores que serán o dobre en 2015.

Juan Piñeiro, presidente da compañía, destaca a boa evolución das vendas nos primeiros meses do ano: “Pechamos o primeiro cuadrimestre en 1,5 millóns e noso forte como grupo especializado en equipamento tecnolóxico e industrial na modalidade de renting adoita ser o último cuadrimestre”, avanza.

Coincidindo coa constitución de Sertelfin México SL no mes de abril, o grupo con maioría de capital galego realizou un segundo movemento corporativo, consistente en trasladar a súa sede operativa e administrativa dende León a Ourense. O seu centro de actividades está agora no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), onde xa viña operando -dende a súa constitución en 2006- a empresa Conexiona, unha das tres que integran o hólding xunto con Adro Servizos Xurídicos e a acabada de crear Sertelfin México. Ademais, está en negociación a compra ou a incorporación ao grupo “dunha sociedade nova española no ámbito da seguridade, que achegaría un gran valor engadido á nosa filial mexicana”, apunta Juan Piñeiro.

Sobre o cambio de Castela por Galicia como sede da compañía, argumenta que “a nosa empresa practicamente non ten unha necesidade de situación física determinada, xa que aplicamos a modalidade de teletraballo. Para o traslado unicamente se valorou a integración co resto do grupo e dispoñer dun espazo común”.

Nuns días, a filial situada en México D.F. comezará a abordar este mercado e a poñer en marcha un plan de negocio para posicionar a empresa nun mínimo doutros tres países -Brasil, Perú e Chile- en dous anos.

Renting áxil e empréstitos tecnolóxicos

A matriz é a comercializadora dos produtos e servizos que desenvolve a tecnolóxica Conexiona e tamén distribúe de terceiras empresas. O seu modelo de negocio está baseado en facilitar aos clientes o acceso a todo tipo de bens de produción mediante financiamento inmediato e sinxelo. A súa dobre aposta é o renting áxil -sen intervención notarial e con aprobación de operacións nunha media de 48 horas- e a concesión de empréstitos tecnolóxicos.

Este sistema alternativo ao leasing e aos empréstitos tradicionais permite “usar os bens de equipo en aluguer, sen contaminar o pasivo do balance e sen tensións de liquidez, pero con vantaxes fiscais e centrando o seu esforzo financeiro no seu negocio”, subliña o presidente.

(Fonte: Expansión)