A Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Maderas de Galicia (Fearmaga) celebrou en Ourense un curso sobre o secado da madeira e o seu tratamento térmico fitosanitario. O Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (CIS-Madeira), situado en Tecnópole, acolleu esta experiencia na que participaron once profesionais do sector que ensaiaron técnicas destinadas a asegurar a calidade da madeira serrada e optimizar os procesos produtivos, cun enfoque eminentemente práctico.
Os participantes formáronse en tecnoloxías de secado da madeira, aplicación de medidas fitosanitarias para a desinfección de embalaxes e técnicas de inspección, así como no tratamento térmico necesario para cumprir coa normativa internacional de medidas fitosanitarias NIMF15, de obrigado cumprimento para comercializar embalaxes de madeira en mercados internacionais.
O contido práctico da acción formativa centrouse na condución, avaliación e calidade do proceso de secado. Esta iniciativa enmárcase nun plan específico de formación de Fearmaga, que se desenvolve coa colaboración da Axencia da Industria Forestal, adscrita á Consellería de Economía, Emprego e Industria, e destinado a alcanzar unha maior profesionalización, produtividade e competitividade do sector forestal galego. Inclúe diferentes accións formativas coa temática que demanda o sector.
Cara a sectores valiosos
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, destacou a importancia deste tipo de formación para responder ás novas esixencias do mercado. Lema sinalou que é preciso dominar as técnicas e o coñecemento do secado da madeira para avanzar na utilización da que é estrutural na construción, un sector potencialmente valioso da economía galega.
Neste sentido, a nova Axenda da Industria Forestal contempla as vantaxes de traballar pola construción sustentable, con novos modelos de produción que acurten os tempos de construción, creen novas ventás laborais ou avalen a eficiencia enerxética, a insonorización e a sensación de confort nas vivendas. Neste sentido, Ignacio Lema destacou o traballo do CIS Madeira, tanto no ámbito da formación como no da innovación.
(Fonte: La Voz de Galicia)