Senseitrade é finalista dos Fintech European Awards abertos a votación pública

A start-up galega Senseitrade, con sede en Tecnópole, é finalista nos Fintech European Awards, que están abertos a votación na web do certame. Os gañadores daranse a coñecer durante a conferencia internacional do sector que terá lugar en Bruxelas o 27 de setembro.

Tal e como destaca a web do certame, a aplicación móbil de Senseitrade conta xa con máis de oito millóns de usuarios en España. A app é capaz de recomendar os valores nos que convén investir utilizando a información que circula nas redes sociais en cada momento. Senseitrade, que foi gañador do certame de aceleración de empresas Vía Galicia na súa edición de 2015, instalouse a principios de ano en Parque Tecnolóxico de Galicia para desenvolver o seu proxecto de negocio.

Os creadores da app, que leva o mesmo nome que a súa empresa, detectaron que as redes sociais, e en especial Twitter, son capaces de precipitar cambios significativos na bolsa. “O mercado móvese cada vez máis a ritmo de tuits, de informacións a curto prazo, e cremos que o investidor retallista pode aproveitar o coñecemento sobre estes movementos”, explica David Conde, CEO e cofundador de Senseitrade, antes Twibex35.

87% de acerto

A idea deste equipo de emprendedores, formado por un economista e catro enxeñeiros, partiu dun estudo da Universidade de Munich que, tras analizar máis de 250.000 tweets sobre bolsa, conclúe que se pode predicir a súa evolución cun 87% de acerto.

A partir da análise das redes sociais, Senseitrade ofrece unha serie de funcionalidades para que calquera persoa poida acceder ao investimento en bolsa sen ser un experto. Ademais de permitir comezar a operar cunha conta demo (con diñeiro virtual), os seus sinxelos indicadores fan posible saber de xeito intuitivo se é un bo momento para comprar ou vender.

Os promotores de Senseitrade aseguran que a súa ferramenta non só é interesante para investidores que están a empezar, senón tamén para traders máis profesionais que utilizan outras ferramentas de análise de bolsa pero que queren confirmar as súas previsións con información do que se está a comentar nas redes sociais.