Os sistemas fotovoltaicos, capaces de extraer enerxía limpa e sustentable da luz solar, acumulan sucidade e partículas de po, auga e area. Este fenómeno supón unha redución da enerxía lumínica que chega ás celas fotovoltaicas e, segundo algúns estudos, diminúe a produción de enerxía ata un 50%. Polo tanto, é esencial que estas celas se manteñan limpas. Non obstante, o proceso rutineiro de limpeza e mantemento pode ter un custo bastante alto e supoñer un gasto de auga innecesario.
O proxecto SolarSharc, financiado con fondos europeos, logrou unha tecnoloxía de recubrimento de gran repelencia que eliminará a sucidade nas superficies e optimizará a eficacia enerxética e o rendemento fotovoltaico. Nunha entrevista publicada no sitio web European Coatings, David Hannan, de Opus Materials Technologies (un dos socios do proxecto), comentou que o desenvolvemento de recubrimentos antisucidade está impulsado por obxectivos de sustentabilidade e pola necesidade de obter enerxías limpas.
Tamén fixo fincapé nos problemas relacionados coa produción de enerxía solar e engadiu que “o po e a sucidade dos paneis solares son unha das causas principais das perdas e a ineficacia na xeración de enerxía solar, o que supón unha diminución na capacidade de xeración por valor de máis de 40.000 millóns de euros. Á súa vez, isto causa máis de 100 millóns de toneladas de emisións de CO2, debido á xeración de combustible fósil necesaria para paliar a deficiencia”.
Hannan explicou algúns dos inconvenientes dos materiais de recubrimento autolimpantes actuais, como “unha vida útil moi curta (dous ou tres anos), un baixo nivel de transparencia e un alto custo (máis de 260 euros por litro). Isto significa que non adoitan ser solucións rendibles e, polo tanto, non se utilizan. As perdas acéptanse como o menor impacto económico posible para o funcionamento da planta”.
Máis eficaz
Segundo o sitio web do proxecto, a estrutura de nanopartículas de SolarSharc proporciona unha “gran transparencia, o que aumenta ata un 4% a eficacia da xeración enerxética e mesmo mellora a estética, algo importante en aplicacións arquitectónicas. A química da sílice non é perigosa e permite unha fabricación escalable”. Ademais de ser duradeiro e autolimpante, SolarSharc é “antirreflectante, resistente a altas temperaturas e está protexido contra condicións meteorolóxicas adversas”. Grazas ás súas propiedades antirreflectantes, SolarSharc “é un avance na transmitancia e consegue que máis do 93% da luz dispoñible chegue ao semicondutor fotovoltaico”.
Segundo se explica no sitio web do proxecto, o recubrimento híbrido (orgánico e inorgánico) de SolarSharc ten un grosor duns poucos microns. “Grazas a unha rede de sílice (vidro) unida quimicamente a grupos orgánicos antiadherente, [o recubrimento] Soar Sharc® repele con facilidade a auga e a sucidade transmitida por esta. En lugar de mollar a superficie, as gotas de auga forman pequenas esferas no recubrimento e saen rodando mesmo con ángulos pequenos”. O sitio tamén sinala que a sucidade sólida, como o po ou a area, “se elimina doadamente pola acción do aire ou con pequenas cantidades de auga”.
O proxecto diríxese ao ámbito da enerxía solar no servizo público e á industria fotovoltaica integrada en edificios, un sector en rápida expansión. Os socios do proxecto esperan comercializar o material de recubrimento SolarSharc e os novos módulos fotovoltaicos autolimpantes integrados en edificios “dende o prototipo actual (nivel de preparación tecnolóxica TRL6) ata a demostración de funcionamento (nivel de preparación tecnolóxica TRL9) en medidas relacionadas coa fotovoltaica integrada en edificios, a certificación, a comercialización e a cadea de subministración, co fin de lograr un crecemento rápido”.
(Fonte: Cordis)