Seis empresas españolas competirán nos premios internacionais Quality Innovation Award (QIA)

A Asociación Nacional dos Centros Promotores da Excelencia (CEX) premiou a 6 empresas españolas na fase nacional dos ‘Quality Innovation Award’ (QIA), unha competición creada en 2007 por Excellence Finland para impulsar proxectos innovadores nas empresas e organizacións, compartir experiencias e dar recoñecemento local e internacional aos mellores. Este ano contou coa participación de máis de 400 empresas e organizacións de 12 países.

É a primeira vez que España participa nestes Premios e foi posible grazas á incorporación da Asociación Nacional de Centros Promotores da Excelencia ao Comité Organizador dos galardóns. “Os Premios QIA buscan estimular o xurdimento e desenvolvemento de innovacións de produto, de proceso, organizativas… É unha oportunidade para que as empresas españolas contrasten as súas innovacións con outras de países como Suecia, Israel, Estonia, Rusia e China, entre outros, onde a innovación se converteu nun eixe de desenvolvemento competitivo fundamental”, sinala Fernando Sierra, presidente dos Centros Promotores da Excelencia.

Empresas premiadas

As compañías premiadas foron Axter Aerospace, na categoría ‘Micropemes e Startups’, por crear o primeiro sistema de propulsión híbrido para a aviación lixeira. Forma parte do Programa ESA BIC Comunidade de Madrid, coordinado par a Fundación para o Coñecemento madri+d, e está situada na Universidade Carlos III de Madrid (UC3M).

Medical Simulator -empresa madrileña que ten como socio o Hospital Gregorio Marañón con quen desenvolveu produtos propios- na de ‘Pemes’, por crear un simulador híbrido de control de hemorraxias.

OHL, na categoría ‘Grandes Empresas’, por conseguir un novo elemento de formigón para a construción de diques en noiro. Gilead Sciences, na modalidade ‘Sector Socio-Sanitario, polo seu portfolio para a Hepatite C crónica. Smart Sensor Technology, na categoría de ‘Innovacións Responsables’, por crear un sistema de detección sen fíos de fugas de hidrocarburos. E Special Materials Machining, na de ‘Innovacións Potenciais’, por conseguir unha nova zona de fabricación illada para o manipulado, mecanizado, corte e almacenaxe de berilio.

Tanto as empresas candidatas como as gañadoras desenvolveron unha quality innovation, é dicir, unha innovación que cumpre con cinco características: novidade, utilidade, aprendizaxe, orientación ao cliente e efectividade.

Os premios, ademais da proxección nacional e internacional, permiten ás empresas obter unha avaliación externa independente e cualificada, posibilítalles aprender doutras experiencias e fomentar a cultura innovadora na súa organización.

As empresas gañadoras nesta fase nacional pasan á fase internacional onde o xurado -formado polos distintos países participantes- elixe os gañadores en cada categoría do ‘Quality Innovation Award’, acto que terá lugar o 8 de febreiro de 2018 en Bilbao, sede que recolle a testemuña de Praga, Tallin, Budapest, Estocolmo e Helsinki.

(Fonte: Madrid Excelente)