O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) acollerá a primeira experiencia da Rede living lab de Saúde de Galicia. O obxectivo do proxecto, que xa estaba ultimado antes da pandemia e que se viu paralizado pola irrupción da Covid-19, é desenvolver iniciativas innovadoras no campo hospitalario e para incidir na devandita liña de traballo as empresas que participarán na experiencia traballarán no CHUO en contacto directo co persoal clínico, os pacientes e as súas familias.
O primeiro living lab da sanidade pública galega, iniciativa que terá continuidade no resto de Galicia, inclúe a participación de seis empresas, que asinaron un convenio de colaboración xunto ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. O conselleiro destacou a aposta por «converter a Ourense nun referente da innovación sanitaria» e sinalou que, en base ao convenio subscrito, «as instalacións do hospital ourensán emprazarán o ensaio de solucións innovadoras, destinadas á atención de pacientes maiores, crónicos e pluripatolóxicos».
Os campos de traballo serán moi variados. Así, a empresa Custom Implants traballará nun proxecto -denominado CI3D- de fabricación de implantes a medida en casos de politraumatismo, mediante o uso da impresión en 3D. HomeworksRehab é a iniciativa de Psicoloxía Virtual, sociedade que se baseará na realidade virtual para a rehabilitación de pacientes con dano cerebral e as salas de estimulación sensorial do CHUO serán empregadas polo equipo de rehabilitación Axón para probar o seu proxecto de terapia para pacientes maiores.
Lincbiotech, con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia, centrarase na súa iniciativa Minerva de procesado de imaxe neurolóxica para axudar nos diagnósticos de ictus e alzhéimer. Pola súa parte, Qubiotech porá en marcha o proxecto Neuroquant, que ten por obxectivo identificar biomarcadores na imaxe diagnóstica que permitan detectar, de maneira precoz, enfermidades neurodexenerativas. E a meta de Plexus pasa por deseñar un asistente virtual que facilite unha maior independencia e un envellecemento máis activo en pacientes con enfermidades neurodexenerativas ao controlar as súas rutinas.
Fonte: La Voz de Galicia