Secuencias xenómicas feitas en Galicia para todo o mundo

A xenómica é un campo da bioloxía molecular que parte do estudo do máis básico dos seres vivos, do seu ADN. A súa aplicación no ámbito sanitario é quizais o máis coñecido pero non o único e Galicia conta cunha das empresas punteiras en proxectos de I+D xenómica. Nacida hai dez anos nun viveiro de empresas da Universidade da Coruña, AllGenetics ten hoxe clientes en máis de 20 países.

«Traballamos para centros de investigación e universidades e, aínda que a nosa actividade céntrase sobre todo en Europa, no último ano realizamos proxectos para clientes de Arabia Saudita, Sudáfrica ou Chile», destaca Joaquín Vierna, director xeral da compañía. Explica ademais que a maior parte da súa facturación procede da realización de traballos de secuenciación masiva e bioinformática para departamentos ou empresas que necesitan externalizar algunha etapa dos seus proxectos. Tras España, de onde vén o 65 % dos traballos que realizan, Suíza foi o pasado ano o país onde máis negocio fixeron, cun 14 % das súas vendas anuais.

A través dunha tecnoloxía coñecida como DNA metabarcoding, AllGenetics analiza as especies microbianas que están presentes nunha mostra, sen necesidade de cultivala no laboratorio e, segundo detalla Vierna, «isto ten innumerables aplicacións tanto en investigación básica como en diversos sectores industriais». Por exemplo, aplicado á industria agroalimentaria, os biólogos desta firma galega levan a cabo proxectos de secuenciación xenómica de especies comerciais para que os clientes poidan seleccionar e producir variedades vexetais máis resistentes a factores externos como as xeadas ou os patóxenos, e obter así froitas e hortalizas de maior calidade.

Fonte: La Voz de Galicia