Santiago Domínguez, de Bio&Tech Smart Capital: «En biotecnoloxía, Galicia é unha potencia a todos os niveis»

Coa carta de presentación de ser o conselleiro delegado de MestreLab Research, unha empresa que xurdiu da Universidade de Santiago «con 3.000 euros e dous portátiles» e hoxe trae a Galicia dez millóns de euros ao ano, Santiago Domínguez desembarca na comunidade con Bio&Tech Smart Capital, o primeiro fondo galego de capital risco privado especializado en biotecnoloxía. O grupo Zendal, a sociedade xestora Noso Capital Sgeic e o propio Domínguez están detrás deste proxecto.

-Que busca este fondo privado? Situar a Galicia como unha potencia en biotecnoloxía?

Galicia xa é unha potencia a todos os niveis. Está moi ben situada porque se xera moi boa tecnoloxía no ecosistema galego, sobre todo en universidades e centros de investigación. Nos 70 tivemos a revolución dos computadores, nos 90 a de internet e a seguinte é a da biotecnoloxía. Iso está perfectamente aceptado e é a primeira vez que Galicia está situada para realmente formar parte do grupo de líderes. Fáltanos poder dimensionar os proxectos apoiando ás empresas con financiamento, capacidade de xestión e internacionalización.

-Por que está a comunidade tan ben situada?

-Porque somos moi potentes en investigación en ciencias da vida, sobre todo na USC, pero tamén nas outras dúas universidades. Están a facerse as cousas moi ben e hai investigadores punteiros. Todos coñecemos a Ángel Carracedo, pero están Mabel Loza, María José Alonso… Destes grupos saen tecnoloxías únicas que teñen un potencial excepcional. Isto non o aproveitamos no pasado, pero agora danse todas as circunstancias para facelo.

-Que cifras move o sector?

-Está nunha fase incipiente, pero o Clúster de Biotecnoloxía de Galicia hai dez anos tiña oito empresas e agora son máis de 90. En Galicia hai unhas 140 empresas que crearon case 4.000 empregos. Son traballos altamente cualificados e remunerados competitivamente, e ese é o principio dun salto de calidade no emprego da rexión.

-Esta iniciativa está dirixida a «start-up» galegas, da UE, Estados Unidos, o Reino Unido e Israel, por que estas localizacións?

-Porque é onde nos movemos. O obxectivo principal do fondo é apoiar ao sector en Galicia, pero desde a perspectiva investidora a diversificación é boa, e pola traxectoria do equipo promotor temos acceso a moito investimento potencial neses mercados concretos. Eu levo moitos anos traballando no sector biotech no Reino Unido e Estados Unidos, á parte de España e Galicia, e o caso de Israel débese a que temos como socio ao maior fondo de novas tecnoloxías dese país, OurCrowd. Israel é o país do mundo que máis start-up crea, e este é o maior fondo israelí especializado nelas.

-Que achega este fondo a alguén que poña en marcha unha empresa biotecnolóxica?

-Temos un equipo de expertos no sector, sobre todo emprendedores que tivemos certos éxitos cunha perspectiva internacional. O que achega é o financiamento necesario para o crecemento, e capacidade para apoiar nas áreas que sexa necesario, por exemplo, acceso a mercados internacionais (eu teño 3.500 clientes en todo o mundo), capacidade de xestión ou de acceder a redes de colaboradores.

-Cantos millóns moverá o fondo?

-O obxectivo é traballar con 50 millóns de euros e o fondo ten unha perspectiva de recadación de catro anos.

Fonte: La Voz de Galicia